Onte, 19 de xuño, enterámonos de que se estaba dando traslado ao persoal traballador da EGAP unha instrución para que asistisen ao Curso monográfico para debater sobre a situación actual do Estado das autonomías. Nesta instrución, esixíase unha xustificación ao traballador ou traballadora que non puidese asistir a este curso. Este feito foi confirmado por un cargo da EGAP de xeito telefónico.

Dende a Sección Sindical de Persoal Funcionario da CIG nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza enviouse un correo electrónico urxente á atención da directora da EGAP para que cesasen nesta acción, suspendensen a instrución e destruísen calquera dato recollido ao efecto, avisando de que esta acción podería traer consecuencias legais.

Tamén temos que indicar que, logo de ser remitido este correo electrónico ás 12:51, tivemos constancia de que se comunicou aos traballadores e traballadoras da EGAP, practicamente de xeito inmediato, que ese “convite” tiña carácter voluntario, por se acaso.

Este feito, deixando aparte o carácter ideoloxizante e político deste curso en concreto, parécenos moi grave, xa que dentro das funcións que ten encomendadas o persoal funcionario non se atopa a de acudir a un curso non relacionado co desenvolvemento do seu traballo habitual.

Tal e como lle comunicamos por correo electrónico á directora da EGAP, a CIG está estudando as posibles consecuencias legais que ten este feito e actuará en consecuencia.