A CIG-Autonómica ven denunciando diante das autoridades da Consellaría de Educación desde hai meses a situación de penuria laboral nese centro de ensino, no que os locais de traballo non reúnen unhas mínimas condicións de seguridade e salubridade, sen que os responsábeis do centro tomen medidas para solucionalo.

Por se non lle chegase con manter ao persoal en condicións de traballo degradadas, o director do CIFP “Rodolfo Ucha” de Ferrol non permite a habilitación dun taboleiro sindical para o persoal de administración e servizos que traballa no centro.


Diante destes feitos, a CIG-Autonómica presentou unha denuncia ás autoridades laborais. A resultas disto, logo de examinar o centro, a Inspección de Traballo requiriulle á Consellaría de Educación que se fixesen as adaptacións oportunas para garantir a seguridade e a saúde do persoal non docente. Tamén lle requiriu á Consellaría a habilitación dun taboleiro sindical nese centro de ensino.

Transcorridos cinco meses desde que a Consellaría de Educación lle trasladou formalmente este requirimento da Inspección de Traballo ao CIFP “Rodolfo Ucha”, o director continúa negándose a cumprilo con total impunidade, amparado pola lamentábel cegueira selectiva que exhibe a Inspección de Educación cando se trata de perseguir as ilegalidades cometidas polos equipos directivos co persoal de administración e servizos.

Hai máis dun ano, o director do centro insultou publicamente a un representante da CIG-Autonómica, sen que a Consellaría tomase ningunha medida disciplinaria. Este verán, o mesmo director incumpriu a normativa sobre estabelecemento da xornada de traballo do persoal subalterno, modificando unilateralmente o horario dos traballadores para poder abrir o centro mañá e tarde no mes de xullo. Os traballadores pediron a intervención da comisión provincial para a revisión dos cambios de horario prevista no Acordo sobre xornada dos subalternos, pero a Consellaría, incumprindo os prazos existentes no Acordo, aínda non a constituiu. Nestes momentos, ese director é novamente candidato a repetir na dirección dese centro, polo sistema de libre designación.

Desde a CIG-Autonómica, esiximos aos responsábeis da Consellería de Educación que tomen cartas no asunto e se respecte o dereito dos traballadores dese centro de ensino á liberdade sindical e a gozar dun contorno de traballo saudábel e digno.