Nos últimos días ás Fiscalías de Menores veñen manifestando o reponte de delitos cometidos por menores, así como, a carencia de recursos básicos para a reeducación e prevención destas accións.

O 17 de abril do 2012 o goberno do PP, fixo efectivo o traslado de 17 menores internos de Montealegre ó centro da Carballeira en Ourense, a CIG solicitou nese intre un compromiso en firme por parte da Consellería para que ao remate das obras o centro volvera a abrir o máis breve posíbel e co mesmo persoal que tiña antes do peche, petición respaldada por todos/as traballadores/as dos centros afectados e os diferentes sindicatos e partidos políticos, xa que os menores de Montealegre non deben estar na Carballeira porque os proxectos de reeducación, eran e son, totalmente diferentes. Montealegre era un dos dous únicos centros existentes en toda Galicia que acollía a menores con problemas de inserción e integración social e con un maior grado de conflitividade, chegando incluso a delincuencia.

Naquel entón a Consellería de Traballo e Benestar insistiu en que o peche era temporal por obras e que non se ía producir un cese na actividade, e garantiron en todo momento que durante o tempo que durase a reforma integral do centro, un mínimo de oito meses, habería que repensar o futuro deste centro adecuando as infraestruturas dispoñibles as necesidades reais de atención, afirmación mantida na contestación a unha pregunta parlamentaria o día 6 de setembro de 2013, que de xeito textual dí:

“As obras de remodelación e acondicionamento do centro de menores de Montealegre atópanse neste momento pendentes de que se realicen pequenas reparacións e comprobacións puntuais. O importe de adxudicación das obras de mellora e acondicionamento das instalacións ascende a máis de 991.000 euros.
Tendo en conta a complexidade e envergadura das obras acometidas e a especifidade do centro, non se pode concluír que exista unha demora. De feito, unha vez que se realicen as pequenas reparacións e comprobacións, nos vindeiros días realizarase o acto formal de recepción.
Así, o centro seguirá sendo un centro de menores, que responda ás necesidades actuais de atención a este colectivo e integrado de xeito coherente e coordinado co resto da rede. Por iso estanse a determinar as necesidades que agora mesmo demandan máis recursos. Neste sentido, serán especialmente valoradas e tidas en conta as suxestións e propostas que poidan achegarse desde os distintos colectivos profesionais de atención á infancia e á adolescencia”.

Pois ben, agora de rematadas as obras no centro e despois do último informe da FISCALÍA XERAL DO ESTADO, no que denuncia unha lista de espera para os centros de menores con algún delito e que pode pasar máis dun ano para que se impoña a medida xudicial, a CIG esixe que a Xunta abra o centro de xeito inmediato ante a necesidade existente, xa que como dí a propia fiscal de Menores Encarnación Bullón, nunhas declaracións recentes a un medio de comunicación: “la razón de todo esto es que se han reconvertido centros y se ha cerrado alguno y de esta manera pasa más de un año sin que el Ministerio Fiscal pueda ejecutar sentencias y el joven condenado debe esperar en su casa hasta que existan plazas libres”.

A isto hai que en engadir os diferentes informes, tanto dos Equipos técnicos de psicólogos e educadores, como de organismos colaboradores como UCA (unidade de condutas aditivas), TRAMA, etc.. así como diferentes partidos políticos e o Concello de Ourense, onde coinciden na necesidade da apertura do Centro e de que se respecte o seu carácter público.

Queda máis que demostrada a necesidade de que exista un centro de menores como o de Montealegre na provincia de Ourense, coas características propias as que estaba suxeito, e procedan a reapertura do Centro de Menores de Montealegre, con xestión pública, dotándoo do persoal que estaba traballando no momento do peche. E lle pedimos a Xunta que deixe de desmantelar os servizos públicos na provincia coa pretensión de que unha empresa privada obteña beneficios.