A CIG-Autonómica quere denunciar o cinismo do goberno do PP que, ao tempo que destrue emprego público, paga horas extras para que se executen determinados traballos.

O goberno galego, seguindo a política de austeridade imposta dende Madrid, continúa a destrución de emprego público. A ausencia de oferta de emprego público que cubra as vacantes, o despedimento de persoal temporal, e a eliminación continua de postos de traballo, están a levar á Administración a un estado de incapacidade para resolver as súas obrigas, o que aumenta o desprestixio dos servizos públicos e facilitan a súa privatización.

A Axencia Tributaria Galega (ATRIGA) naceu a partires da consellaría de Facenda no medio do escenario de destrución de emprego público o que motivou que, xa dende o seu nacemento, tivese carencias importantes de efectivos humanos.

 Chegado o final de ano, veñen as consecuencias: a CIG recibiu a información de que na ATRIGA se están a facer horas extras, tanto nos servizos centrais como nos periféricos.

A destrución neta de emprego público en todos os servizos da administración ten como consecuencia a utilización masiva de horas extraordinarias coa misión de manter a capacidade recaudadora da Administración galega. Isto é, primeiro se suprimen postos de traballo e servizos aos cidadáns e logo ante os déficits de persoal, autorízanse horas extraordinarias nunha situación de crise e onde as listas de interinaxes e substitucións (a maior parte das persoas apuntadas están en situación de desemprego), concebidas para estes casos, son obviadas.

Isto non pode cualificarse máis que dunha absoluta falla de sensibilidade da Administración galega coa situación de necesidade de amplos sectores da nosa poboación e revelan que o verdadeiro carácter das políticas públicas do PP.

A CIG-Autonómica convida aos empregados e empregadas de calquer condición a que rexeiten a realización de horas extras, como único xeito de forzar a creación de emprego, inda que este sexa temporal.