Só quere devolver parte do que lle obrigan as sentenzas.

O goberno central anuncia que devolverá o 25% da extra de decembro do 2012 en xaneiro de 2015.

Feijoo quere facelo en dous anos, non se compromete a recuperar as extras completas, como no Estado, e intenta vender como un acto de boa fe, o que é unha obriga, tal e como ditan os tribunais ao respecto.

Neste asunto compre lembrar que en relación á paga extra do 2012, no relativo aos contenciosos e conflitos colectivos presentados temos o seguinte escenario:

1. Laborais: fóronse gañando todos os conflitos colectivos onde se obriga á Xunta a pagar a parte devengada desa extra, tanto para o persoal laboral da Xunta de Galiza como de diversos entes.

2. Funcionarios/as: como non hai posibilidade de conflito colectivo a CIG presentou como sondaxe varios contenciosos que abranguen todos os ámbitos para logo pedir a extensión de sentenza a todos os funcionarios/as da Xunta. Gañamos os contenciosos pero a Xunta recorreu no Supremo, e ten todos os visos de perder.

O que agora nos ofrecen como xesto de boa vontade non é máis que o que os tribunais lle obrigan a pagar.

E a diferenza entre o Estado e nós aínda é máis grave. Montoro vai devolver parte do que deben en xaneiro de 2015 e os empregados públicos do Estado cobran a extra de 2014 case completa (hai unha redución que tamén nos afecta a nós no salario base e trienios da extra, ademais de no específico).

En cambio, Feijoo, vai pagar parte do que debe en dous prazos e ademais mantén recortada a nosa extra.

Dende a CIG non lle imos dar o visto e prace. Se quere renegociar o pago da débeda cos empregados/as públicos/as galegos/as, estaremos dispostos a negocialo partindo da recuperación do seguinte: Recuperación das pagas extras recortadas de 2012, 2013 e 2014, recuperación do 5% dos últimos 5 anos, actualización das retribucións conforme ao IPC galego dos últimos 5 anos, e por suposto no 2015 as pagas extras completas. Ademais se deberían establecer con prazos claros e establecelo nunha lei como un dereito adquirido, para que logo non dea marcha atrás.

Que pague o que debe!! Os empregados públicos galegos non queremos esmolas, queremos que nos devolvan o que nos roubaron, queremos que se nos pague o que nos corresponde polo noso traballo.

A maiores seguen reducindo a Administración, ao non fixar a taxa de reposición nun 100% dos efectivos, e non contemplan a retirada da batería de normas, comezando pola Lei de medidas, que acabaron con moitos dos nosos dereitos laborais nestes últimos anos.

Ante iso ofrécenos unha esmola “en diferido”. MISERABLE.