O pasado 22 de xaneiro rematou o prazo para a presentación de alegacións á memoria proposta pola Administración de refundición ou supresión de categorías do persoal laboral do V convenio colectivo único. Nunha primeira fase, a Administración pretende a supresión daquelas categorías  que non están sendo desempeñadas por ningún traballador/a.

Analizando esta proposta observamos que moitas desas categorías si están desempeñadas por traballadores/as, polo que a súa supresión resulta a todas luces un sinsentido. A lixeireza con que a Administración presenta tal proposta está a producir inquedanza entre o persoal afectado.

Así atopámonos con que a Administración pretende a supresión de categorías ocupadas como acontece coa categoría 5 do grupo I (titulado superior veterinario/a) na que nos consta que hai darredor de 74 traballadores/as. O mesmo poderíamos dicir da categoría 27 do grupo II (técnico/a superior diplomado/a en informática) na que cando menos hai 11 traballadores/as ou na categoría 54 do grupo III “técnico/a especialistas en radioloxía (TER)” onde darredor dunha decena de traballadores/as desenvolven o seu traballo nas Unidades de Mama da consellaría de Sanidade. O mesmo acontece coas categorías 54 bis do grupo III (hixienista dental), a categoría 28-IV (auxiliar produción-dirección) e a categoría 34-IV (axudante/a restauración e proxección cinematográfica) nas que tamén hai traballadores/as.

O despropósito é total e absoluto, non só pola pretensión de eliminar categorías nas que hai persoal traballando senón tamén porque algunhas desas categorías están afectadas polos procesos de consolidación estipulados na disposición transitoria 10ª do V Convenio, nomeadamente a categoría 5 do grupo I (titulado/a superior veterinario/a).

De chegar a celebrarse a consolidación algún día (outra pregunta recurrente e sen resposta a día de hoxe), se se elimina esta categoría profesional as preguntas que nos facemos son dúas:

  • que vai acontecer co persoal afectado?
  • que postos  se van consolidar se desaparece a dita categoría profesional?

Unha vez presentadas as alegacións estamos á espera dunha nova xuntanza para os vindeiros días na que agardamos unha resposta ás nosas preguntas.