A CIG reclámalle á Consellería que corrixa a situación coas listas de contratación temporal

A CIG denuncia que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria négase a cubrir a vacante dunha limpadora no IES das Lagoas de Ourense que vén de xubilarse no mes de abril. Dende a central reclámalle á Xunta que corrixa esta situación e bote man das listas de contratación temporal elaboradas para tal efecto.
 
Na CIG-Administración explican que a pesar de que a xubilación da limpadora -que é persoal laboral da Xunta de Galiza- tivo lugar no pasado mes de abril, a Consellería négase a cubrir esta vacante polas listas de contratación temporal feitas para tal efecto.

“Despois de manter varias conversas co departamento autonómico todo parece indicar que pretenden que finalice o curso sen que se proceda á cobertura, para así aforrar as nóminas de verán e non realizar a contratación até o comezo do novo curso, en caso de que se cubra”, indican.

Sosteñen que esta situación afecta gravemente á limpeza do centro, “pois é un dos institutos con máis alumnado matriculado en Ourense e estímase que o vindeiro curso aínda sexa máis”. Ademais, critican que política de recortes continúe a ser a tónica na Consellería, co perxuízo que isto provoca nos centros de ensino, tanto para o resto de traballadores/as como para os usuarios/as do centro. “Dado que se atrasa cada vez máis a cobertura das baixas e das vacantes temos as nosas dúbidas de que a praza se cubra e temémonos que se chegue a amortizar”, rematan.