Como era de agardar, a reunión da Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas celebrada o día 30, na que a CIG estivo presente, co Ministro Montoro para tratar o Proxecto de Lei de Orzamentos 2016, resultou un simple formalismo que o Goberno do PP aproveita para anunciar medidas con fins electoralistas e de cara a manipular a opinión pública, pero que no fondo supoñen "atrasar a  recuperación dos dereitos salariais e laborais usurpados ás traballadoras e traballadores das administracións e afondar na destrución do emprego e os servizos públicos".

Para a CIG a proposta trasladada polo ministro de incremento salarial do 1% para o vindeiro ano resulta unha medida "electoralista" e "unha esmola" tras anos de perdas de dereitos e salarios. Neste senso, lembran que as políticas salariais até o  ano 2015, conlevaron que a perda do poder adquisitivo dos/as traballadores/as das administracións públicas galegas se elevase a máis do 30% dende o ano 2010. 

A paga extraordinaria, por etapas

En canto ás pagas extraordinarias, o goberno do PP ten previsto abonar ao longo deste ano outro 25% da paga de 2012, mais as empregadas e empregados públicos terán que agardar até o próximo ano para percibir o 50% da cantidade restante. Porén este pago tan só está garantido para o persoal da administración xeral do Estado e, segundo as informacións do ministro, as demais institucións abonarán as cantidades adebedadas "en canto lles sexa posíbel".

NOTA: Sobre isto o director xeral da Función Pública apuntou na Mesa Xeral do día 31 de xullo que no caso do persoal da Xunta a recuperación da extra do 2012 estaba condicionada á disposición orzamentaria e ao cumprimento dos obxectivos do déficit. 

De igual xeito, tampouco se regula a recuperación das pagas recortadas ao persoal da Xunta de Galiza. Sobre este punto, a CIG esixiu garantías para que en Galiza as traballadoras e traballadores públicos teñan a recuperación salarial do mesmo xeito que se determine para o persoal da Administración Xeral do Estado.

Nesta liña, na batería de reivindicacións presentadas pola CIG durante a xuntanza, solicitouse que nos orzamentos estatais se recolla que as pagas extraordinarias de todos os empregados/as públicos serán completas, para obrigar a Xunta a repoñer a totalidade das pagas extraordinarias de xuño e decembro “que dende o ano 2013 ven roubando as súas empregadas e empregados públicos. De modo que, dunha vez, se eliminen as discriminacións salariais que esta a realizar a administración autonómica co seu persoal.

Taxa de cobertura insuficiente

No apartado das taxas de reposición, Montoro explicou que a taxa de cobertura será do 100% nos servizos básicos (saúde, ensino ou forzas de seguranza), mais quedará limitada ao 50% no resto dos servizos das administracións.

Esta medida resulta absolutamente insuficiente para a CIG logo de sucesivos anos de destrución de emprego, polo que esixiu ao Goberno que aumente o volume neto do emprego público estábel, cunha forte dimensión social, eliminando as taxas de reposición, mais tamén "impedindo os ERES, mesmo os encubertos, detendo a amortización de prazas e realizando ofertas de emprego público que garantan servizos públicos de calidade".  

Fronte a estas propostas continuístas do PP, na Mesa de Negociacións  a CIG solicitou a recuperación dos dereitos laborais e salariais subtraídos, “así como a defensa e o reforzo duns servizos públicos universais e de calidade, capaces de manter a cohesión social”.