Asistimos abraiados as declaracións da Conselleira de Traballo e Benestar onde manifesta que non entende as protestas dos sindicatos, cando o seu departamento só cumpre a Lei.

Pois ben, dende a CIG imos intentar explicarlle o que é facer leis a medida dos intereses espurios do Goberno, ou o que é o mesmo, utilizar os poderes públicos para non cumprir os pactos acadados.

No ano 2008 a CIG asina, xunto coa Xunta de Galiza, o V Convenio Único para o Persoal Laboral da Xunta de Galicia, onde se recolle entre outras cousas algo tan básico como é a compensación de un 0,75% por cada domingo ou festivo traballado, a libranza de dous días a semana ou que un domingo traballado inhabilita a traballar o seguinte, e dicir, dereitos básicos que calquera traballador/a de calquera empresa ten conseguidos a través da negociación colectiva.

A Xunta de Galicia, a través da LEI 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito unilateral e sen ningún tipo de negociación, eliminan o Convenio Colectivo (algo inaudito nas relacións laborais) e, entre outras cousas, eliminan a compensación dos domingos e festivos, e dicir, para unha traballadora ou traballador da Xunta de Galiza e igual traballar un luns ou un martes que traballar o día 25 de xullo ou o día 1 de xaneiro ou calquera domingo (nin compensa con tempo de descanso nin se abona ningún diñeiro) coa agravante de que empregados públicos da mesma Xunta de Galiza si teñen esa compensación ( empregados/as do SERGAS se lles compensa por traballar en domingos e festivos)

Non contentos con estas medidas unilaterais, a Xunta de Galiza a través da Lei de Orzamentos dos últimos anos, seguen a eliminarnos máis  DEREITOS FUNDAMENTAIS  quitándonos o dereito a descansar dous días seguidos, o que provoca que teñamos quendas de traballo de ata 9 días seguidos e que traballemos 3 fines de semana ao mes.

Para paliar isto a Xunta de Galiza o único que se lle ocorre é contratar a traballadoras/es en quendas de fin de semana ou por incluso unha hora ao día. A Consellería de Traballo e Benestar (incompatible o nome coa súa política de emprego) o único que sabe dicir é que se axusta a Lei. O único que ten que facer a Conselleira Beatriz Mato é dimitir por incompetencia

Dende a CIG esixímoslle ao Presidente Feijoo o cese inmediato da Conselleira Beatriz Mato, xa que estamos convencidos de que non vai a dimitir por propia vontade e ten máis que demostrada a súa incapacidade para xestionar o persoal ao seu cargo.