Con data 13 de agosto de 2015 sae unha convocatoria no DOG para a formación, pola escola oficial de idiomas, dun único curso de linguaxe administrativo nivel medio dirixido ao persoal da administración pública autonómica. Coa modalidade de teleformación cun numero máximo de 25 prazas este curso é claramente raquítico e insuficiente. Precisamos un maior numero de prazas, mais edicións e  cursos na modalidade presencial. Compre recordar que  dende o ano 2013 non se realiza  ningún curso de linguaxe administrativa presencial na nosa provincia. Ademais destacamos a falta de opcións que ten o persoal do Barco e de Verín nesta formación continua xa que non se ofertou ningún curso nestas comarcas.

E por si fora pouco o curso de linguaxe administrativa superior está  EXTINGUIDO en Ourense.

Hoxe de novo vimos de denunciar esta situación discriminatoria e inxusta coa nosa provincia  e reclamar perante o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edicións de ámbolos dous cursos nas modalidades presenciais en Verín, O Barco e Ourense así como na modalidade de teleformación.