Devolven unha cuarta parte da extra. No Estado tamén e ademais uns días a maiores. Pero de todo o recortado nestes anos, o que devolven son só migallas. Todos estes dereitos non nolos queren devolver:

1. PAGAR POR ENFERMAR. Non pensan modificar os recortes por incapacidade temporal que estableceron para non pagar o 100% das IT's os primeiros 20 días.

2. NON QUEREN DEVOLVER O ESPECÍFICO DAS EXTRAS DE 2013, 2014 E 2015. (Nin a cantidade similar para o persoal laboral) que o moroso Feijoo deixou de pagarnos polo noso traballo efectivo, o que supón un agravio con respecto a empregados/as públicos/as doutras Administracións.

3. SEGUIRÁN RECORTADOS O SOLDO BASE E OS TRIENIOS DA EXTRA. Como sabes, as pagas extras ademais de ter recortado o específico en Galiza teñen un recorte no soldo base e trienios aplicado aos empregados/as de todas as Administracións.

4. NON HABERÁ FONDO DE ACCIÓN SOCIAL (agás as axudas por persoa con discapacidade) Nin se destinarán as cantidades do mesmo en forma de retribución directa aos empregados públicos.

5. OS GALEGOS NON COBRAMOS AS CANTIDADES DERIVADAS DO FONDO DE PENSIÓNS DO ESTADO, que a CIG esixiu que se integraran como retribución directa e efectiva nas nóminas dos empregados/as públicos/as da Xunta en vez de fomentar sistemas privados de aforro.

6. O PERSOAL LABORAL NON VAI VER RESTAURADO O V CONVENIO COLECTIVO que a Lei de Medidas suprimiu, especialmente o referido a descansos por traballar a quendas e vacacións.

7. NON SÓ SUFRIMOS CONXELACIÓN SALARIAL, SENÓN UNHA REBAIXA QUE SE CONSOLIDOU EN ANOS ANTERIORES. (Grazas Zapatero). Por suposto o PP non quere oir falar de recuperar como base os niveis salariais de antes do RD-l 8/2010 en que Zapatero nos rebaixou o 5% e máis das nosas nóminas e que nunca recuperamos.

8. IPC. Nin falar de IPC, nin de recuperar a capacidade adquisitiva perdida nestes 5 anos. E para os seguintes xa veremos si aplican a desindexación para aumentos de miseria ou seguimos conxelados.

9. LUCRO CESANTE. O que deixamos de gañar en salario directo ou en dereitos e que ten unha valoración pecuniaria. Aínda que agora nos devolveran días de asuntos persoais, non recuperamos os días perdidos nestes anos nin establecendo un fondo de días de permiso perdidos nin facendo unha estimación económica do valor dos mesmos. Ao igual que acontece co deixado de percibir ao non existir promoción interna ou concursos de traslados.