Nunha xuntanza mantida cos grupos parlamentares do PSdeG, BNG, AGE e Grupo Mixto, a CIG-Autonómica presentou unha iniciativa para que sexa derrogada a Lei 1/2012 de medidas temporais en materia de emprego público de Galiza.

A resposta dos poderes públicos á crise económica caracterizouse pola imposición de grandes sacrificios ás empregadas/os públicos. Os esforzos realizados polo persoal das administracións públicas e do resto do sector público non foron demandados na mesma medida a outros colectivos con maior capacidade económica.

En pleno período preelectoral, o discurso oficial do goberno galego discurre darredor de novas que salientan continuamente a solvencia e a recuperación da economía galega. Mesmo o Presidente da Xunta, en Xullo de 2015 fixo as seguintes declaracións: "o teito de gasto para 2016, cun incremento do 5,2%, permitirá volver baixar impostos, seguir devolvendo aos empregados públicos o esforzo feito e mellorando os servizos públicos, e impulsar a actividade económica" e o día 17 de setembro de 2015 anunciaba que: "a solvencia de Galicia ten como consecuencia que a Xunta estea en condicións de adiantar a devolución doutro 25% da paga extra a este 2015 porque ten dispoñibilidade orzamentaria e porque vai cumprir neste exercicio o obxectivo de déficit".

Por todo isto, dende a CIG-Autonómica esiximos que sexa derrogada a Lei 1/2012 de medidas temporais, xa que non é xustificábel que se continúe a manter vixente unha Lei temporal, que era para dous anos e continúa vixente a día de hoxe, cando segundo o Goberno Galego a situación económica de Galiza está xa consolidada.

A CIG-Autonómica presentou por rexistro, do mesmo xeito, dita petición ao Grupo Parlamentario do Partido Popular, ante a negativa deste Grupo a ter unha xuntanza co Sindicato máis representativo da Función Pública de Galiza.