O art. 7 do vixente V convenio colectivo único establece taxativamente o procedemento para a provisión de vacantes. A provisión, polo tanto, pode ser:

  1. Definitiva vía concurso de traslados.
  2. Libre designación.
  3. Adxudicación de postos a traballadores declarados en situación de incapacidade permanente total.
  4. Provisión temporal ou provisional: a) Adscrición temporal; b) Contratación de persoal laboral temporal.

O posto de traballo PSC994080036560568 de ATS-DUE con funcións de coordinación no complexo residencial do Meixoeiro está vacante dende hai varios anos e a súa provisión, saltándose a normativa establecida no convenio, foi empregando a figura de “traballos de superior e inferior categoría” regulado polo artigo 15º do V Convenio Colectivo Único. Un dos principios reitores deste artigo é a de responder ás necesidades excepcionais e perentorias e cunha duración mínima imprescindible.

Na provisión deste posto de coordinación de ATS-DUE non se cumpre este principio de excepcionalidade; todo o contrario, é un posto vacante dende hai varios anos e a súa ocupación ten que ser de acordo co procedemento de provisión provisional en adscrición temporal. Este posto de traballo ten que ofertarse no web de función pública para a súa cobertura en adscrición temporal e, se non hai interesadas/os, en superior categoría.

O escurantismo, a arbitrariedade e o nepotismo seguido pola dirección do CRAPD confirma a súa, cando menos, pouca capacidade para o exercicio de funcións directivas. Pouca capacidade que tamén se manifesta no abuso das modificacións das quendas de traballo do persoal. O que debería ser unha excepción, convértese na norma diaria diante da mala planificación das necesidades de persoal.