Chegou á CIG un ruxe-ruxe que fala dunhas reunións da Xunta con certos sectores da alimentación relacionados directamente con provedores das cociñas que atenden ós comedores de xestión directa dos CEIPs pertencentes á Consellería de Educación, os cales son atendidos por persoal laboral da Xunta de Galiza.

As reunións terían sido en Compostela, con membros da Asociación de Carniceiros e nesa reunión os representantes da Xunta aseguraron que as cociñas que atenderan os comedores escolares de menos de 250 comensais serían substituídas por servizos de catering.

De ser así, a maior parte das cociñas destes comedores escolares botarían o peche para ser substituídas por un servizo de catering que todos aqueles que o coñecemos sabemos que é de dubidosa calidade. Amáis habería un importante número de traballadoras e traballadores afectados que, como pouco, deberían cambiar de destino de traballo si é que non hai perdas de emprego.

A Xunta debería dar explicacións a cerca de si este ruxe-ruxe ten algún fundamento, ou si é que pretende que no medio de todo esta morea de procesos nos que os empregados públicos nos vemos mergullados neste momento, pretende facer pasar desapercibida a eliminación dun persoal e dun servizo público máis, en prol dunhas empresas privadas que están servindo unha comida de dubidosa calidade nas escolas públicas.