O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza admite a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado pola CIG contra a Orde do Acordo de Concertación do Emprego Público de Galiza pactado pola Consellería de Facenda e os sindicatos CCOO e UGT.

Desta forma da comezo a loita xudicial da CIG para a salvagarda dos dereitos do persoal e así dar solución das inxustizas deste mal Acordo que non recupera os dereitos laborais e económicos perdidos na última década e establece discriminacións entre o persoal empregado público.

Nesta demanda a CIG fixa os seguintes obxectivos:

CARREIRA PROFESIONAL

  • Ampliación do seu ámbito de aplicación: universalizala para todo o persoal empregado público sen chantaxes nin subterfuxios.
  • Acceso ao sistema extraordinario a todo o persoal e sen condicionados.
  • Revisión das contías dos graos aumentando os importes dos máis baixos co fin de minguar a brecha salarial.
  • Solucionar a falta de garantía orzamentaria, buscando a consolidación salarial ao longo do tempo.

FUNCIONARIZACIÓN DO PERSOAL LABORAL FIXO

Non se garante un acordo xeral de condicións de traballo que recolla os dereitos laborais e salariais actuais, especificamente:

  • Non hai concurso de traslados nin promoción interna previas aos procesos de funcionarización.
  • Os dereitos laborais do V Convenio non se trasladan para o persoal funcionario, incluídos os dereitos de xubilación.
  • Os dereitos salariais como os pluses, que din recoller nun chamado complemento persoal de funcionarización, pérdense ao concursar e non se trata un Acordo salarial global para todo o persoal (trienios, niveis e complementos).
  • Non se garante concursos de traslados futuros ao persoal que non se funcionarice.

COMISIÓN DE SEGUIMENTO

O Acordo de concertación establece poderes de negociación colectiva á Comisión de Seguimento. Cun absoluto desprezo antes da súa publicación xa estaba funcionando como mesa negociadora. Deste xeito retiráronse e modificaron moitas cuestións substanciais do propio texto do Acordo de concertación como a obriga da Dirección Xeral de Función Pública de instar para que o persoal funcionario teña dereito a xubilación parcial.