Na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos que tivemos o mércores 9 de outubro, discutimos sobre o anexo de postos a ofertar no concurso. Previamente aprobouse unha modificación da RPT de Educación que implica a amortización e a creación de cinco postos que entrarán no concurso.

A postura da CIG é que sexan ofertadas todas as vacantes que non teñan algún tipo de limitación legal ou xudicial. Queixámonos do seguinte:

  • Prazas retiradas por proposta de amortización: as consellerías tiveron tempo abondo para amortizar as prazas que consideraran, e non o fixeron. Así que non nos vale que agora digan que van amortizar para retirar prazas do concurso. A maiores, non é a primeira vez que din que van amortizar unha praza e despois non o fan. Moitas veces isto non é máis que unha escusa para agochar prazas no concurso. Rexeitamos esta manobra.
  • Prazas recentemente vacantes que non aparecen: como é posíbel que prazas vacantes por xubilación ou falecemento dende fai un mes non entren no concurso xustificando en que non teñen aínda os datos? Están sen mecanizar? Quen sexa responsábel de ter os datos ao día, que se poña as pilas. Pero non aceptamos que unha praza vacante dende fai un mes quede sen ofertar. O colmo é ver como non entra algunha praza que sabemos vacante porque ao seu titular lle deron outra en libre designación; e que o nomeamento sae publicado en DOG.
  • Prazas ocupadas por persoal laboral indefinido non fixo: ofertar estas prazas de persoal funcionario ocupadas por persoal laboral con sentenza xudicial de indefinición é meterse nun problema. A ocupación destas prazas no concurso de traslados vai dar lugar a posteriores sentenzas de readmisión e indemnización como xa ocurríu no anterior concurso de traslados de corpos xerais, onde funcionarios/as que concursaron tiveron que saltar da praza por unha reclamación posterior de persoal indefinido con sentencia estimatoria. Este problema tiña que telo resolto Función Pública convocando esas prazas en procesos selectivos para poder liberalas para un concurso de traslados e non o fixo en catro anos. Ofertar agora en concurso esas prazas sen especificar que a toma de posesión do concurso e do proceso selectivo serán coincidentes no tempo, cousa case imposible, nos vai levar a múltiples impugnacións.

Das alegacións ás prazas que faltan feitas pola CIG só admitiron incluir 9 delas. E o venres máis, queren celebrar unha "mesa técnica" para rematar isto. Así que ata o venres non saberemos cando van publicar o concurso no DOG.

Chegados a este punto, o concurso vaise publicar, con máis dun ano de atraso. Todo coa desculpa das múltiples frontes que abríu Función Pública entre xuño do 2018 e mediados do 2019, aínda que a realidade é que non lles interesa. Están máis cómodos facendo "concursos" mediante comisións de servizo.