O 24 de outubro tiveron lugar as eleccións sindicais aos comités de empresa de persoal laboral da consellería de Política Social, no que desta vez se elixían catro comités que suman 94 delegadas e delegados.

Cun ámbito de máis de 6.000 persoas traballadoras e unha grande participación, o número de votos para a a CIG foi o maior, o que avala o noso traballo de defensa dos dereitos das persoas empregadas públicas e o rexeitamento dos acordos lesivos asinados por outros sindicatos.

A CIG consegue ser a forza maioritaria nos catro comités obtendo un total de 31 dos 94 representantes a elixir entre as 7 forzas sindicais que se presentaban:

 

 

A CIG gaña, e con ela gañamos as traballadoras/es desta consellería. Estas eran as primeiras eleccións onde se elixía un órgano de representación único tanto para quen traballa nos centros da consellería como para quen traballa no Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar. Fronte a confrontación entre colectivos de traballadores que outros sindicatos promoveron nesta campaña CIG cree e fomenta a unidade, porque os intereses son iguais, os problemas son comúns e porque somos unha unidade indivisíbel e a única confrontación posíbel é coa nosa empresa e non entre nós.

O voto á CIG avala unha política de reivindicacións e propostas en defensa das traballadoras do consorcio e da consellería. Unha liña de traballo a prol de recuperar dereitosv laborais, de implantar horarios e medidas de conciliación do século XXI, de establecer a xornada de 35 horas, de asegurar a estabilidade laboral, de cobrar uns salarios dignos.

Pero o voto á CIG é tamén un voto contra aqueles que buscaron a desigualdade negando a carreira profesional á metade das compañeiras e tendo que acudir a unha funcionarización forzosa, que negociaron ofertas de emprego ridículas e taxas de reposición, que renunciaron a defender os descansos e o artigo 19 do V Convenio. E tamén un berro forte contra os que apostaron por defender ao patrón fronte aos/as traballadores/as.

Con esta confianza renovada as compañeiras e compañeiros da CIG afrontamos uns anos decisivos onde sabemos que temos o respaldo maioritario das persoas desta consellería para seguir traballando cara a un futuro mellor.

E finalmente, queremos dar as grazas á todas as persoas que confiaron en nós e apoiaron as candidaturas da CIG.