O mércores 18 participamos na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos. A maiores de falar das convocatorias de promoción interna de corpos xerais (irá noutro resumo), tratamos asuntos variados en rogos e preguntas:

Oposicións subalterno e ordenanza: convocados en marzo, non saíu sequera a lista provisional de admitidos e excluidos. Lembramos ao director xeral de Función Pública (DXFP) que a mediados novembro dixera que levaba un retraso de 3/4 meses. O director non pon data, limítase a afirmar que tentarán telo listo canto antes. Di que van cun sistema antigo (entendemos que informática) o que non permite que vaia tan rápido como o novo.

Corpos xerais en curso A1, A2, C1 e C2 (libre e promoción interna): denunciamos o retraso que leva algún dos procesos, e o estancamento doutros. Hai unha enorme incertidume no persoal. Preguntamos cal é a situación de cada un deles e que medidas van tomar para axilizalos. O DXFP limítase a indicar que dará información polo miudo a comezos de xaneiro.

Veterinarios/as: 

  • Concurso: Quedaron en enviar os borradores entre finais de novembro e primeiros de decembro. Preguntamos como está a cousa. Resposta que enviarán o borrador esta semana.
  • Oposición en marcha: Sen concurso por medio, a opción que queda é darlles destino provisional. Que pensan facer coa elección de destino? Di o DXFP que a decisión do destino a deixan para máis adiante, e verán como facer segundo vaian as cousas. Vamos, que non se quere mollar agora.

Concurso de gardacostas: hai un altisimo número de compañeiros/as con problemas, excluídos da elección de postos. Calculamos que podemos falar de 1/3 do persoal. Con ese número tan alto, está claro que algo falla. O DXFP di que é a mesma aplicación que para outros concursos, e a responsabilidade é das persoas solicitantes por non verificar os méritos.

Concurso de traslados de corpos xerais: Na Comisión de Persoal o DXFP dixo que retiraban as comisións de servizo. A CIG pensaba votar en contra, e abstívose. Xa tomamos a decisión de ir pola vía xudicial. Preguntamos se van publicar algunha corrección de erros que nos evite esa vía. Resposta o DXFP que van aclarar a cousa na resolución que publiquen coa relación de postos a escoller (primeira quincena de xaneiro).

Fondo de Acción Social-2018: Pagarán o FAS antes de rematar o ano? Mantén o DXFP que lle transmitiron que o pago será antes de rematar o ano.

Bolsa de horas por conciliación familiar: preguntamos pola súa implantación? Respostan que están a traballar na redacción e na adaptación dunha aplicación informática para a súa xestión. Por agora non está en condicións de dar prazos.

Xubilación con contratos de remuda: a Xunta asinou con CCOO e UGT un acordo de diálogo social polo que a Xunta pon 7.500 euros por persoa para facilitar os contratos de remuda nas PEMES. E na Xunta, van facer algo para facilitalo? O DXFP limítase a afirmar que transmitirá a queixa.

Precariedade de fixos descontinuos: Denunciar a precariedade dos fixos discontinuos ao non permitir a Xunta que podan traballar no tempo de descontinuidade ou suspension do contrato no sector publico compatibilizando traballo SEAGA-XUNTA ou XUNTA-CONCELLOS. Chegaron as primeiras denegacions. Acudiran ao xulgado. Con esta situación estamos obrigando ao persoal a traballar en negro. O DXFP di que se limita a cumprir a lei, e que non pode facer nada.

Orientadores das oficinas de emprego: reclamamos acceder ao expediente, tal e como se nos prometeu na xuntanza do 23 de novembro. O DXFP di que vai trasladar a queixa.