Dende a chegada de Corina Porro fai seis meses como delegada territorial da Xunta de Galiza en Vigo, levamos contado catro ocasións en que utiliza a fronte do edificio administrativo da Xunta en Vigo para expoñer lonas que non achegan información, só propaganda (“Un nadal solidario para todos – A Xunta con Vigo”, “O marisquiño – A Xunta con Vigo”, ..).

Varias desas lonas foron de importantes dimensións (de ata tres pisos de altura), polo que entre deseño, fabricación e colocación con certeza sumará importantes cantidades de diñeiro de gasto innecesario.

A Xunta de Persoal dos servizos periféricos da Administración Autonómica en Pontevedra quere denunciar a utilización de diñeiro público para propaganda baldía tanto por parte da delegada territorial da Xunta de Galiza en Vigo, en particular, como en xeral por calquera goberno.