Dende a área de Igualdade da Xunta de Galiza afírmase que as administracións públicas participan activamente na revisión dos referentes sexistas, e que «seguir empregando nas administracións públicas unha linguaxe sexista e discriminatoria para o colectivo feminino, supón non só un anacronismo senón, sobre todo, a fixación de barreiras invisibles que afectan directamente ao proceso de participación das mulleres na sociedade actual e que agochan os avances que se están a dar na participación en igualdade de condicións de mulleres e homes en todas as esferas da vida». Tamén nos din dende Igualdade da Xunta que aconsellan o cambio cara aos usos non discriminatorios aos habitualmente estendidos na documentación administrativa, para o que achegan recomendacións para o uso dunha linguaxe non discriminatoria na administración pública e nos medios de comunicación.

A teoría sabémola ben, pero a práctica que fai dela a Xunta éche outro cantar. Lonxe de responder aos principios que a propia Xunta proclama, en favor dos usos non discriminatorios da linguaxe na Administración pública, o uso da linguaxe discriminatoria e sexista está á orde do día nos textos legais e publicacións como o Diario Oficial de Galiza, malia as queixas que vén facendo hai anos a representación legal do persoal. Un exemplo claro volvemos telo na Orde da Consellaría de Facenda do 14 de xaneiro de 2020, pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2020 , que repite exactamente o mesmo esquema machista que a do ano precedente na Orde do ano 2019  e na do 2018: o uso de  expresións excluíntes en masculino como «médicos de familia», «odontólogos», «diplomados en enfermaría», «médicos de urxencias, «médicos dos puntos de atención continuada», «pacientes adscritos a outros profesionais»... nun alarde de linguaxe machista impropio dunha consellaría do Goberno galego, que invisibiliza ás mulleres incluso naqueles sectores tan feminizados como precisamente é o sector dos coidados.

Dende a CIG solicitamos que a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galiza, Susana López Abella, nos informe sobre as medidas que adopta para garantir que os documentos emitidos pola Xunta sexan redactados en linguaxe non-sexista, conforme á lexislación vixente, e pedimos que esixa tanto á Consellaría de Facenda como ao resto de consellarías que poñan fin a este flagrante machismo lingüístico, e que sexa sancionado do xeito oportuno, de maneira que a Xunta abandone definitivamente o emprego da linguaxe estereotipada e discriminatoria en todos e cada un dos seus textos, aplicando os mínimos do propio Manual de estilo do Diario Oficial de Galiza.