O pasado mes de novembro, ano 2019, unha representación dos alumnos e alumnas do conservatorio superior de música de Vigo, dependente da Consellaría de Educación, mantiveron unha xuntanza coa delegada territorial de Vigo, Corina Porro, para comunicarlle o deterioro e as condicións de inhabitabilidade das dependencias deste conservatorio.

Estes alumnos e alumnas acompañaron a súa denuncia coa presentación de fotos e vídeos onde se manifestaban as penosas condicións do centro; así, a reportaxe gráfica amosa como nun día de choiva a auga se deslizaba polas paredes interiores, o parqué levantado, desprendemento do falso teito, fiestras que non pechan e pola que entra aire e auga, portas que se caen...

A delegada territorial amosouse moi interesada e manifestou o seu mais firme compromiso en adoptar as solucións necesarias. Chegou o mes de febreiro e todo segue igual pero con mais choiva e máis temporal e sen actuacións no centro.

Estes delegados/as dos alumnos/as a vista de que nada se movera, entrevistáronse neste mes de febreiro co xefe territorial de Educación pero todo segue igual. Tamén recolleron sinaturas de protesta do persoal docente e alumnado e presentaron unha denuncia na inspección de traballo.

A CIG, unha vez coñecedora desta situación vai instar do Comité de Seguridade e Saúde dos centros de ensino a avaliación do centro para definir as necesidades de actuación que obriguen á Consellaría.