O día 5 de marzo 2020 solicitamos a convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Intercentros para acordar a implantación  de medidas de prevención de riscos perante a infección do COVID 19 no ámbito laboral do Xunta de Galiza. A resposta da Xunta foi convocarnos para o día 17 de marzo.

A día de hoxe a Xunta non implantou medidas específicas de protección fronte este virus infeccioso nos centros de traballo. É necesaria a convocatoria dos Comités de Seguridade e Saúde laboral para propor e avaliar ditas medidas e valorar a determinación do risco.

Ante a evolución da epidemia nos últimos días e as medidas adoptadas o día 9 polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, do que forman parte o Ministerio de Sanidade e as CCAA e para salvagardar a saúde dos traballadores da Xunta de Galiza desde a CIG reiteramos  a necesidade de tomar medidas urxentes como:

➢ Realización de teletraballo para todos os postos que sexa posible e aumentar de xeito inmediato as xornadas aqueles que xa o teñen.
Flexibilidade horaria sen límite e quendas  para reducir as concentracións de traballadores/as.
➢ Reunións por videoconferencia.
➢ Establecemento de medidas para que os traballadores con menores ou maiores ao cargo ou con familiares enfermos poidan conciliar (permisos retribuídos) tendo en conta o posible peche de centros educativos e centros de día como pasou en Madrid.
➢ Medidas específicas (permiso retribuído) para aqueles traballadores que padecen enfermidades crónicas, pluripatolóxicas ou con estados de inmunosupresión conxénita, persoas especialmente sensibles como as embarazadas, etc e que polas características do seu posto do traballo non poden acollerse a outras medidas organizativas.
Medidas organizativas e materiais (pantallas protección, dispensadores de hidroxel, separación de espazos, aumento e mellora sistemas ventilación e extracción aire…) para minimizar o risco de contaxio.
Medidas de protección individual para o que a Xunta debe aportar os EPIs necesarios.
Medidas específicas para os centros onde hai atención a persoas usuarias con facilidade infección como pode ser as escolas infantís e residencias de maiores, os edificios administrativos onde traballan centos de empregadas publicas ou aqueles servizos de atención ao publico de grande actividade como son as oficinas de emprego, as
agrarias comarcais, turismo, os rexistros, servizos de información, etc.
➢ Consideración como accidente laboral, para todos os traballadores, a infección por coronavirus.

Esta obriga da Xunta, como responsable da protección do seu persoal, ven perfectamente definida na normativa de aplicación e implica que debe garantir a seguridade e a saúde das persoas traballadoras ao seu servizo en todos os aspectos relacionados co traballo baixo o seu ámbito de dirección.

Desde a CIG solicitamos a convocatoria urxente dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral para acordar a implantación de medidas de prevención.