Ante o incremento da carga asistencial derivada da atención do coronavirus con especial atención ás Residencias de Maiores, Función Pública e o Sergas veñen de ditar unha resolución conxunta pola que se estabelece un procedemento para a cobertura temporal de postos nos respectivos ámbitos.

Na práctica isto significa que se poderá acudir, con carácter excepcional, ás listas do Sergas para a provisión temporal de postos de traballo de categorías equivalentes para as cales non existan listas xestionadas pola Dirección Xeral da Función Pública ou estas estean esgotadas, sempre que resulte debidamente acreditado polo órgano solicitante, e logo de practicar outras medidas previas como mobilidade, reordenación de efectivos, revogación de suspensión de chamamentos ou calquera outra que se poida acordar para atender a necesidade de efectivos que se produza.

A aceptación do posto de traballo terá carácter voluntario, sen que se produza penalización pola súa non aceptación.

A información referente ao centro e localidade de desenvolvemento da prestación así como o resto de datos laborais de interese para a persoa candidata serán facilitados no momento do chamamento.

Como novidade importante, os chamamentos vanse facer tamén as persoas integrantes das listas que actualmente están en suspensión.

De xeito recíproco, o Sergas poderá utilizar, se fose preciso, as listas de contratación temporal xestionadas por Función Pública.

A resolución conxunta estabelece tamén que, con carácter excepcional, para atender as necesidades dos centros sociosanitarios, o Sergas poderá subscribir contratos laborais de duración determinada con estudantes do grao de enfermería no último ano de formación, en funcións de auxilio sanitario e apoio, baixo a supervisión dun profesional sanitario.