O traballo esencial hai que facelo, pero con protección, cousa que a Xunta non tomou moi en serio ata que a CIG presentou denuncia nas inspeccións de Traballo e Seguridade Social, Sanidade, Subdelegación de Goberno e Fiscalía. Nas denuncias narrrabamos o caos nas residencias de maiores, a falta de medios de protección, e solicitabamos a adopción de medidas urxentes como a máxima protección (igual que nos centros sanitarios) e a realización de test a todo o persoal e residentes. 

Agora si, xa teñen un Plan Preventivo. E están obrigados a entregarcho, e ti a seguilo.

O Plan Preventivo recolle as medidas e equipos de protección individual que temos que seguir para protexernos ante o risco de infección de COVID19.

A persoa que asume a dirección ou responsabilidade do teu centro de traballo está obrigada a facilitarche o teu plan e protocolo de actuación e o EPI completo (equipo de protección individual) ademais de informarche do seu uso correcto e das medidas hixiénicas. Se tes dúbidas, se non tes EPI, nin te dan acceso ao Plan Preventivo, non te arrisques: contacta coa CIG.