No Centro de Atención a Persoas con Discapacidades (CAPD) da Coruña vense de confirmar o positivo dunha traballadora. A pesar de que a primeiros da semana pasada se repartiu material de seguridade como máscaras e luvas, este é insuficiente e chega tarde como deixa patente este caso positivo.

Desde a CIG denunciamos que, como noutros CAPD do país como por exemplo no de Chapela (Redondela) as traballadoras/es estiveron a traballar sen o material de protección que era necesario. O resultado deste traballo con risco son os casos positivos que se dan en varios centros da Consellaría de Política Social.

O temor e a preocupación estendeuse entre o cadro do persoal do CAPD esta tarde cando o director do CAPD comunicou ao persoal a existencia dun caso de positivo na COVID-19. A existencia deste caso, dunha coidadora que estivo traballando durante o período do estado de Alarma, fai necesaria, tendo en conta a experiencia dos outros centros residenciais, a adopción de medidas máis estritas de control.

Desde a Secretaría comarcal da Administraciön Pública da CIG na Coruña esiximos:

  • Que se subministre ás persoas traballadoras todo o material de protección que sexa necesario e adecuado á situación acutal do centro.
  • Tamén esiximos a realización do test do coronavirus a todas as persoas residentes do centro e a todas as traballadoras, o que é imprescindíbel para delimitar a incidencia do contaxio e atallar a posíbel extensión evitando que se convirta nun novo foco da enfermidade.

Os tests de coronavirus foron reclamados pola CIG á Xunta, e como unha medida cautelar na inspección de traballo, para todas as residencias xa hai máis de dez días ante o descontrol das medidas de protección nos centros. A pesar disto os días van pasando e os casos positivos van aumentando.