Dende a CIG-Autonómica presentamos denuncia perante esta inspección o día 18 de marzo porque a Xunta de Galiza estaba omitindo o seu deber de protección cara ao seu persoal e as persoas usuarias dos centros sociais residenciais de xestión pública.

Pois ben, xa hai por parte da Inspección de Traballo unha proposta de requirimento onde a nivel xeral valoramos positivamente as medidas requiridas no documento da Inspección malia que chegan tarde. Por mor da falta de medidas preventivas implementadas con celeridade pola Xunta na actualidade existen casos de persoas contaxiadas polo COVID-19 en case todo os centros. A día de hoxe a Xunta segue sen informar do numero real de persoas infectadas (traballadoras e usuarias) a pesares de que a Inspección no mesmo requirimento establece que o debe facer.

A Inspección de Traballo tomou nota de parte das nosas demandas é obriga á Xunta á:

  1. Modificar as avaliacións de riscos laborais dos centros co obxecto de introducir os derivados da infección polo COVID 19. Incluír as medidas de protección a adoptar por cada departamento (non valen xerais) en función da exposición na que se atopen e tarefas que realicen.
  2. Xustificar ante esa autoridade laboral que implantou as medidas inmediatamente para garantir a protección de todo o persoal (informar sobre os protocolos de seguridade, EPIS coas súas fichas técnicas, a formación impartida e elaborar un listado de traballadores/as expostos de xeito individualizado por centro).
  3. Se existe sospeita (corentena) ou contaxio confirmado dalgunha persoa residente a Inspección obriga á Xunta a protección máxima dos traballadores (criterio SERGAS), con protocolo, EPIS axeitados e formación para este escenario. Dende a CIG entendemos que se debe seguir o protocolo do SERGAS.
  4. Hai que salientar que a Inspección require a realización de TEST a todas as persoas do centro cando exista sospeita de infección así como a toma de medidas máximas. No caso de traslado ao centro sanitario indicarase previamente o protocolo a seguir polo persoal (incluída coordinación coa ambulancia…).
  5. A Xunta debe xustificar a información que proporcionou ao persoal sobre a obriga de comunicar estados biolóxicos que os converten en persoas especialmente vulnerables e, polo tanto en traballadores sensibles para a súa protección. É dicir tiña que informar ao persoal de quen é persoal sensible, a súa obriga de comunicalo e protexelos do risco.

Este requirimento ven a mostrar a ineptitude e inacción da Xunta de Galiza na xestión dos centros sociais residenciais, mais cando estamos a ver o que sucedeu nas residencias de maiores de Madrid ou Cataluña.

O goberno da Xunta segue a mirar para outro lado cando lle corresponde por as medidas preventivas tendo tamén competencia para ditar as resolucións, disposicións e instrucións necesarias.

Non entendemos como un mes despois de que comezaramos a demandar medidas sigan sen actuar obrigando ao persoal a traballar sen EPIs nin protocolos preventivos e teña a pouca vergonza de xogar coa saúde do seu persoal e dos nosos maiores para facer campaña política.