A Xunta escúdase no panorama desolador das residencias privadas para non dar datos sobre o que acontece na pública. Onte por primeira vez deron datos dos falecementos desagregados por residencias e se ben todos sabemos que o COVID-19 estase a cebar en residencias privadas, non se pode ocultar o que está a acontecer nas públicas, onde a falta de datos é notoria.

Pero o que máis nos preocupa neste momento non é xa a falla de datos, senón que dende o inicio desta crise levamos pedindo que se adopten medidas de protección dos nosos maiores e se dote de EPIs ao persoal e se realicen test, para así alonxar o COVID-19 das residencias, e a pesares diso, e de que a Inspección de Traballo a instancias da CIG, obriga a realizar os test ao persoal para que non contaxien aos residentes, isto non se fai.

Por exemplo na Residencia de tempo libre de Panxón, Nigrán (residencia de negativos onde xa hai positivos) o cronograma deste desastre é o seguinte:

• Día 1 de abril: incorpóranse os/as traballadoras ao centro sen ter pasado ningunha proba do COVID-19 (e tendo traballado xa nalgunha residencia con posibles positivos).

• Día 2 de abril: os primeiros catro residentes/as entran no centro recibidos por Corina Porro, Delegada da Xunta en Vigo.

• Día 5 de abril: incorpóranse o resto de residentes.

• Día 8 de abril: fan as probas ao persoal.

• Día 14 de abril: os resultados comunícanselle ao persoal.

A neglixencia da Xunta, o incumprimento das obrigas provoca infectados. Temos que comezar a pensar que ademais de enfrontarnos a unha pandemia, aquí existe, como mínimo, unha mala xestión da crise.