A CIG denuncia na Inspección de Traballo e Seguridade Social de Ourense a imposición de vacacións nos distritos forestais por parte da Xunta en pleno estado de alarma.

As xefaturas de distrito da provincia de Ourense chamaron ao persoal de incendios forestais para poñerlles as vacacións durante estes días de estado de alarma. Non se informou das razóns deste proceder nin ao persoal traballador afectado nin aos seus representantes. Na práctica, a Xunta impón vacacións ao persoal deste servizo esencial para que se “confine” nas súas casas, todo un despropósito polo que acordamos presentar denuncia ante a inspección de traballo e seguridade social.

A denuncia da CIG inclúe entre outras as seguintes cuestións:

  1. O SPIF é un servizo de atención á emerxencia provocada polo coronavirus e están a realizar funcións importantes de desinfección en residencias de maiores, centros de saúde etc...
  2. Só unha parte do persoal está para atender aos incendios forestais aos que se lle suman o persoal que esta de vacacións ordinarias polo que a efectos prácticos o cadro para atender a lumes está minguado.
  3. En base ao anterior, non se motivan as “necesidades do servizo” para establecer períodos de vacacións durante o estado de alarma.
  4. Implantouse este período de vacacións “obrigatorio” sen que existira negociación previa coa representación do persoal.

NON É ADMISIBLE que se establezan VACACIÓNS OBRIGATORIAS ao persoal durante o período do estado de alarma. Na CIG rexeitamos este proceder opaco e autoritario por parte da Consellería do Medio Rural.