O venres 17 de abril celebrouse por videoconferencia o Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que demandamos para a avaliación e control das medidas preventivas ante a emerxencia sanitaria polo coronavirus. 

A vicesecretaria xeral técnica presentou os protocolos actualizados para o persoal de traballos esenciais, que podemos consultar (xunto cos medios de contacto coa consellería) na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/coronavirus.

Dende a CIG reclamamos:

  1. O Plan de prevención de riscos ante o coronavirus nos traballos esenciais (que aínda non fixeron).
  2. Protocolo preventivo nas embarcacións ao que respostaron que o elaborarán o “antes posible”.
  3. Que se repoñan os EPIS, sobre todo as máscaras de protección axeitadas.  Respostan que non dispoñen xa que estan moi solicitadas no mercado e que van intentar por ao dispor. Dende a CIG denunciamos que teñen para repartir a poboación pero envian ao seu persoal a facer funcións esenciais sen elas.

En referencia a "Guía preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia" (podes ver a guía no DOG, ou podes ver o resumo da CIG):

  • Denunciamos que non se negociou coas organizacións sindicais.
  • Rexeitamos que o persoal sensible “deberá traballar” ata que se lle recoñeza a condición de traballador/a vulnerable ao COVID e se tramite a baixa.
  • E queixámonos deste enfarragoso sistema para a protección do persoal sensible.

A administración da largas e resposta que é unha “resolución de obrigado cumplimento do CECOP” e que intentará resolver as solicitudes o antes posible.

Ademais preguntamos polas razóns polas que non están a traballar algunhas persoas que teñen funcións esenciais. Non respostan. 

Infórmase por parte da consellería que hai un servizo de desinfección dos vehículos con ozono que hai que solicitalo nas xefaturas territoriais. 

A presidenta do CSSL emprazounos a realizar novas xuntanzas cada sete ou dez días mentres dure esta situación, para ir analizando os avances da pandemia e as accións desta consellería. Dende a CIG esperamos que na vindeira xuntanza dean resposta ás demandas que presentamos para que sexa realmente efectiva e sacar accións de proveito na prevención do risco fronte ao COVID 19.