Na maior crise sanitaria coñecida onde a poboación de máis risco son os centros de maiores os/as gobernantes galegos seguen a buscar escusas para eludir as súas responsabilidades.

Dende o decreto do Estado de alarma e a declaración da Emerxencia Sanitaria poucas novas tivemos acerca da Conselleira de Política Social. Na máis grave crise de saúde para as persoas maiores non resulta de recibo que a máxima responsábel na xestión de residencias de maiores na Galiza non estivera ao fronte para informar, organizar e protexer  as persoas maiores e ao cadros de persoal que seguiron nos centros de traballo prestando un servizo tan esencial na sociedade na que vivimos.

Delegou o seu traballo e responsabilidades noutros mandos intermedios da Consellería, entanto nunha tras outra residencia os maiores e o persoal caían infectados e se tomaban medidas de intervención pública de residencias privadas, mudando de centros ao persoal dunha forma imperativa e improvisada.

No día de onte atopámonos coa reaparición mediática da conselleira,  entrevista na Radio  Galega e foto virtual cos directores das residencias (incluído o “cesado” director da Residencia de Baños de Molgas).

Pero despois desta corentena mediática da Conselleira sorpréndenos que a primeira medida que toma sexa o cambio de xestión e dirección no Centro integrado de Baños de Molgas. Ou establecen propostas de xeito irreflexivo ou non se falan entre consellerías; porque por máis que insistan non nos vamos a crer que o Centro Integrado de Os Milagres xa está posto en marcha, cando non teñen nin claro se o plan de prevención para o persoal debe ser feito polo SERGAS ou por Política Social. Aínda que a causa tamén podería ser as declaracións do presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría acerca das responsabilidades penais por desatención sanitaria dos maiores ou na censura feita por obrigar ao persoal traballador das residencias a enfrontarse ao seu posto de traballo sen medios de protección contra o COVID-19. A verdadeira resposta queda para as partes implicadas.

Nestes momentos de crise sanitaria, onde aínda non se coñece o alcance real das persoas maiores mortas e infectadas polo virus e onde non se lle fan os test nin se dotan de EPI´s ao persoal, non precisamos de dirixentes que veñan a facerse a fotos, senón de xestores eficaces e comprometidos polo que ou:

  • non necesitamos dunha conselleira, porque o traballo se segue a facer igual e polo tanto debe dimitir, ou
  • se debería de pór a alguén capaz ao fronte das Políticas Sociais e facer todo o posíbel por implantar un sistema público de atención integral ás persoas maiores no que non primen os intereses privados e o beneficio para os fondos de inversión, polo que tamén debería dimitir ou ser cesada esta conselleira.
     

O PÚBLICO É SERVIZO O PRIVADO BENEFICIO!!