A Xunta de Galiza informa da apertura das oficinas de rexistro, cun sistema de cita previa, para posibilitar a tramitación de determinados procedementos administrativos para a semana que vén. Todo isto sen negocialo previamente en ningunha mesa, nin tratalo con ninguén e sen informar con antelación.

Segundo informa o Subdirector Xeral de Coordinación de Servizos Transversais, van enviar un plan de prevención específico para estas unidades entre os que está a separación entre o persoal funcionario e a colocación de pantallas de metacrilato. Ante a nosa crítica a esta decisión explica que as direccións serán quen establezan de inmediato estas medidas antes de activar o rexistro e que por iso non dan data concreta de apertura.

Dende a CIG solicitamos a negociación previa antes da reactivación de ningún servizo, mais cando ten contacto directo coa cidadanía. Necesítase un plan de prevención específico para cada centro de traballo que teña en conta as peculiaridades dos centros como a ventilación ou o espazo e a cantidade de público. Isto ten que ser a maiores daquelas medidas guía establecidas con carácter xeral.  Ademais hai que dar tempo a que se resolvan as solicitudes de traballadores/as sensibles, polo que pedimos que as persoas que o soliciten queden cautelarmente na casa e non asuman riscos innecesarios.

Negociar a desescalada

A desescalada debe negociarse e facerse con sentido. Xa temos solicitado a Función Pública unha xuntanza no marco da Mesa Xeral de Empregados Públicos na que se trate a ampliación masiva do teletraballo e se negocien os criterios de desescalada e incluso quendas de non coincidencia, sempre co plan preventivo por diante. 

Os plans de prevención ante o coronavirus por diante de calquera reincorporación

A Xunta de Galiza negouse a reunir aos Comités de Seguridade e Saúde Laboral Intercentros e os específicos de consellerías (agás de Medio Ambiente) a pesar de que llo solicitamos dende o comezo da alarma sanitaria. Agora non poden seguir a obviar esta ferramenta imprescindible para salvagardar a saúde e a seguridade ante o risco de contaxio ao COVID. Non estamos preparados ante o risco biolóxico e as avaliacións de riscos laborais aínda non están adaptadas a esta nova realidade.

A CIG rexeita a volta ao traballo sen condicións de seguridade