O persoal da Consellería Educación está de novo sendo chamado pola administración para  reanudar o seu traballo nos centros educativos e  facer tarefas de limpeza e mantemento  xa que agora son consideradas “tarefas esenciais”. 

A Consellería  seguindo coa súa opacidade e actitude autoritaria nin informa nin negocia esta reincorporación coa representación do persoal, polo que vimos de esixirlle mediante un escrito que: 

  • Se faciliten os certificados de desprazamento.
  • Se establezan unhas quendas flexibles, atendendo á situación persoal de cada traballador/a (maiores e/ou menores a cargo), persoal con patoloxías concorrentes ou crónicas, embarazadas, etc. E sempre  para que o persoal poida manter as distancias aconselladas concorrendo sempre o mínimo persoal á vez no centro. Estas quendas nunca deben ser superiores en tempo que as esixidas aos equipos directivos que prestan servizos presenciais.
  • Aclaración de que o traballo a desenvolver nestes intres é única e exclusivamente un traballo de mantemento das instalacións (utilizadas neste momento) e non se debe empregar para a realización de ningunha outra tarefa.
  • Un plan de prevención de riscos laborais para os risco do COVID 19 no que estean definidas as medidas de protección necesarias e que se lles facilite o material axeitado de protección (EPI): ao menos luvas e máscaras, ademais de xel hidroalcóholico e xabón para a hixiene.
  • O persoal vulnerable fronte ao virus debe solicitar a consideración de traballador/a sensible, polo que solicitamos que a Consellería aclare o procedemento (modificado o pasado 8 de abril) polo que cambian as actuacións para os servizos de prevención de riscos laborais fronte a exposición ao SARS-CoV-2  e cautelosamente, mentres non se tramiten, o persoal con algunha patoloxía quede na casa.

Finalmente dende a CIG reiteramos o dereito de coñecer e negociar os criterios para o chamamentos e traslado das traballadoras e criticamos  que  a Consellería se desentenda das condicións nas que está prestando servizos na Consellería de Política Social.