A CIG-Autonómica presenta alegacións ao protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19. 

Con apenas un día nos envían un borrador de documento que se centra basicamente en dependencias administrativas, e exclúe os ámbitos sanitario, sociosanitario e educativo ademais de moitos centros de traballo onde o traballo vai máis aló do meramente administrativo e traballa o persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza.

  • A Xunta pretende substituír a avaliación de riscos laborais ao risco biolóxico do COVID19 e o planeamento preventivo feito por persoal técnico cualificado en cada centro de traballo por catro medidas xerais das que algunhas son transposicións das sinaladas polo goberno do estado español.
  • Establece unha serie de fases onde o director/a de centro toma decisións substituíndo o proceso técnico de planificación preventiva e non hai mecanismo de control para detectar erros no caso de fallar por non ter a capacidade ou medios. Así tamén se pode pasar dunha fase a outra sen ter superado a anterior e aínda que as condicións do avance da infección volvan a ser altos, o parámetro é unicamente temporal.
  • Este protocolo carga a responsabilidade da protección na persoa traballadora na vez da empresa, que é a responsable legal. Isto é unha deixadez de funcións e pon en grave risco ao persoal. A Xunta de Galiza obvia a responsabilidade social que supón a apertura de edificios administrativos e o movemento de milleiros de traballadoras e traballadores poñendo en risco a integridade do persoal e da sociedade galega.
  • Sorprende que o teletraballo pasa a ser a ultima opción, e que prevaleza a colocación de pantallas ou mamparas sobre medidas organizativas que minimicen a presencia no centro. Destacar que a máxima e que a súa intención sexa abandonar o teletraballo aínda que se demostrou efectivo e que todo o mundo volte aos centros “agás aqueles que xa o tiñan autorizado previamente que van quedar coas mesmas xornadas”.
  • Para a CIG o teletraballo ten que alcanzar máximos e debe continuar así ata que o risco sexa 0.
  • Propón algunhas medidas ridículas e de demostrada ineficacia como medirse a febre antes de saír da casa ou un criterio de dous metros lineais de persoa a persoa no posto de traballo por insuficiente: óbviase a realidade en moitos centros como a falla de  ventilación, o número de metros cadrados de espazo compartido, un plan de limpeza e desinfección profesional e adaptado a cada centro ou a regulación do fluxo de persoas.

En definitiva para a CIG é un documento chapuceiro que non vale para programar unha desescalada e moito menos substitúe as medidas preventivas dentro dunha avaliación de riscos laborais. Deixa a fora a todo o persoal que non realizan exclusivamente tarefas administrativas e é de dubidosa efectividade. De seguir por este camiño o CAOS é o risco extremo van ser a tónica nestes días. 

A resolución do Cecop publicada hoxe demostra as presas que ten a Xunta de Galiza por volver a “normalidade” e seguir coa súa “campaña electoral“ como se nada pasase. Rexeitamos comezar con actividades non esenciais que requiren a presenza de servizos enteiros, como a pesca e a caza ou comezar cunha volta do persoal aos centros de ensino de xeito improvisado e sen seguridade é unha aberración e pon en risco ao persoal empregado publico.