Hai máis de 15 días que levamos instando á Consellería de Educación a que se sente a negociar a desescalada e non improvise a incorporación do persoal laboral e de administración xeral. En todo este tempo nin negociaron nin actuaron na toma de medidas preventivas fronte o coronavirus.

E agora, debido a decisión da apertura do prazo de matricula para o alumnado (decisión que tomaron na mesma Consellería), o persoal administrativo e de limpeza comezará a prestar servizos presencias a partir do vindeiro luns 11 sen ningún tipo de protección fronte o COVID:

  • A Consellería considera que con manter un distanciamento social de arredor de 2 metros é suficiente.

  • Considera innecesaria a colocación de mamparas (colocar unha mesa como obstáculo parece a medida máis acaída). O que non se aclara é como se recolle a documentación da matrícula dende tal distancia, ou como se lle poden dar indicacións aos usuarios.

  • Despois de que moitos centros cederan o seu material hixiénico e de limpeza, agora o panorama é que a Consellería non vai prover de luvas, nin de máscaras, nin de xel hidroalcohólico ao persoal, tendo en conta que no caso do persoal de limpeza isto é básico.

  • A nivel organizativo tampouco se adoptaron medidas, nin en como debe ser o acceso e o tránsito nas dependencias, nin se tratou de implementar un sistema de atención de cita previa que impidan a aglomeración de persoas.

  • En relación ao persoal de limpeza, tamén nega a necesidade de material de protección para as tarefas de limpeza e desinfección e non establece os protocolos necesarios para esta situación, remitíndose directamente ao acordo do Cecop.

  • E relacionado con isto, pensa a Consellería facer os test de COVID ao persoal de limpeza que estivo desprazado en residencias e centros de Política Social, antes de que entren en contacto coas compañeiras, alumnado, pais e nais ou demais usuarios e usuarias dos centros? Vai dotar a este persoal de EPIs?.

A CIG considera que o servizo que se presta nas secretarías é similar ao que se presta nun rexistro ordinario polo que as medidas que se teñen que tomar son as mesmas, e que as tarefas de limpeza e desinfección neste momento son de vital importancia e as traballadoras que as desempeñan deben estar máis protexidas ca nunca xa que se expoñen directamente ó virus e ademáis terán que empregar produtos de elevada toxicidade.

O persoal que polas súas condicións de saúde, idade ou embarazo pode ser considerado traballador/a sensible pola súa vulnerabilidade ao risco de contaxio ao coronavirus o ten aínda máis complicado nesta consellería. Para tramitar a baixa ou a adaptación do posto antes non tiñan nada previsto e, logo de apretarlles, recomendan acudir ao procedemento da Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, publicada no DOG do 17 de abril. Ao final con tantas voltas nen seguen o protocolo do Estado (mais sinxelo e directo) nin a guía. Na práctica a Consellería de Educación abandona a súa responsabilidade co persoal vulnerable poñéndoo en risco deliberadamente.

Tampouco ten en conta ó persoal que ten menores/maiores a cargo xa que non contempla ningún tipo de permiso ou conciliación ou teletraballo neste sentido.

Non chega con publicar uns consellos hixiénicos para o persoal en caso de pandemia como única actuación. A desidia da conselleira transfórmase nun desprezo á saúde dos traballadores e dos usuarios dos centros de ensino e coloca a esta consellería no número 2 do ranking de neglixentes despois de Política Social.

A Resolución do Cecop do 5 de maio fala de que a partires do luns 11 só se incorporará o persoal administrativo e o persoal de limpeza. O resto do persoal non docente NON TEN QUE INCORPORARSE. O persoal subalterno non esta incluido e non ten que incorporarse segundo palabras da conselleira e do secretario xeral técnico. 

Se tés algún problema na incorporación, pide a orde por escrito, e contacta coa CIG.