Nas próximas semanas está previsto que  comence a progresiva reincorporación presencial  de empregados públicos aos seus postos de traballo. Desde o inicio do estado de alarma e debido á situación extraordinaria causada pola evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 moitos empregados públicos non renovaron o seu certificado dixital. Temos constancia de que moitos de estes empregados necesitarán renovar o seu certificado inminentemente.

Actualmente a renovación do certificados para toda a provincia de Ourense consiste nun trámite presencial que se realiza no Punto de Acreditación Dixital (PAD), localizado na Delegación da Amtega en Ourense, no Edificio administrativo, avenida da Habana 79, 6º andar.

Este PAD non cumpre os requisitos para atender de xeito presencial as persoas que realicen a renovación do seu certificado. Non teñen pantallas/mamparas protectoras, nin dispensadores de xel nin EPIs homologados(luvas e mascarillas). Tampouco medios para desinfectar o teclado (e outros) tras o seu uso por cada persoa que renova o certificado. Ponse en risco a saúde dos traballadores do departamento da Amtega e a dos empregados públicos que se achegan a renovar os certificados.

Ao atoparse o PAD no 6 andar, supón máis xente circulando polo edificio, usando ascensores e escaleiras. Ponse en risco a saúde de todos os empregados que traballan no edificio administrativo.

Necesitaríase unha localización que evite o uso de ascensor ou escaleiras.  Con entrada independente. Dotado de medidas de seguridade como mamparas protectoras, dispensadores de hidroxel, espazo suficiente, etc.

Desde a CIG solicitamos a Xunta que protexa aos seus traballadores polo que pedimos:

  • O traslado do  Punto de Acreditación Dixital da AMTEGA a unha localización fora do Edificio Administrativo que garanta a seguridade de todos os empregados públicos da Xunta.
  • Dotar ao persoal de AMTEGA dos medios de protección necesarios: mamparas protectoras, dispensadores de hidroxel, EPIs (luvas e masacarillas), etc.