Os centros dependentes da Consellería de Cultura que dan servizo ao público, falamos de arquivos, bibliotecas e museos, teñen unhas particularidades específicas para que tanto o persoal como os usuarios se doten de medidas axeitadas para a loita contra a pandemia.

Así, a semana pasada a consellería elaborou un documento de reincorporación e posta en marcha dos centros, ao que a CIG fixo alegacións no sentido de que antes de poñer en marcha os centros e que voltara o persoal tíñase que facer unha avaliación de riscos laborais unidade a unidade para recoller a infinidade de problemáticas diferentes que teñen cada arquivo, cada biblioteca e cada museo dependentes da Xunta de Galiza.

O dito protocolo polo que sabemos non foi aprobado e aquí estamos esperando…

E todo se acelerou: o venres 15 pola tarde os traballadores de todos os centros reciben vía correo a comunicación de que o luns todos a traballar presencialmente.

Se anulaban todos os permisos de teletraballo e se debía acudir ao centro e de selo caso alí solicitar un novo permiso.

Obviamente os responsables da consellería nen se leran o Protocolo de carácter xeral de reincorporación do persoal empregado público da Xunta de Galiza e nen sequera se leran o propio borrador de protocolo da propia consellería que remitía ao primeiro onde a partir do luns so traballarán os afectados pola fase 1, recordemos, xefes de servizo e persoal que non poida teletraballar.

Ao longo da tarde, e polas críticas do persoal e dalgunhas direccións, foron recuando e deberon botar un ollo ao DOG e xa consideraron que os que estaban teletraballando seguiran nesa situación.

Que temos a día de hoxe:

  • Entre luns e martes van abrir todos os centros; non sabemos se xa ao público ou con traballos internos.
  • O número de persoal que se vai incorporar vai ser en moitos casos superior ao 80% dos efectivos, co que vai ser moi difícil manter distancias de separación ao longo da xornada.
  • Cónstanos que a maioría dos centros aínda non contan nen con mamparas de separación, luvas, hidroxel nen a organización de espacios para manter adecuadas medidas sanitarias.
  • Temos centros que polo seu exiguo tamaño habería que iniciar o teletraballo entre persoal que aínda non o solicitara e que podería desenvolvelo.
  • Non se ten planificado a relación entre usuario/traballador no tocante á venda de entradas, cobro, entrega de documentos, depósito de documentos, etc.
  • Non se dotou nas dependencias de ordenadores diferenciados para traballadores e tampouco sabemos nada do plan especial de limpeza e desinfección.

En fin, unha desfeita que se intenta solucionar coa boa vontade de moitas direccións pero que se ve superada pola realidade e que representa unha irresponsabilidade enorme no momento de pandemia que vivimos.

Dirixímonos aos responsables desta desfeita, a saber o director xeral de Políticas Culturais e secretario xeral técnico para que por un lado aproben un protocolo que recolla todas as eivas que sinalamos e por outro que faga unha desescalada progresiva e que non queiran facer puntos diante do xefe para ser os primeiros en chegar a unha “falsa normalidade” pois están a xogar coa saúde dos traballadores e tamén dos usuarios, polo que de non haber medidas que garantan a seguridade NON SE DEBEN ABRIR OS CENTROS.