A CIG aposta por aumentar a presión para conquerir a recuperación dos dereitos recortados no V Convenio Colectivo Único dende o ano 2012

Ás dez horas do venres 29 de maio, a menos de 24 horas das masivas concentracións convocadas pola CIG, CCOO, CSIF e UGT para reclamar a retirada da proposta de Instrucións para as vacacións de 2020 para o persoal das residencias de Política Social, centros de menores, residencias de maiores e de atención a diversidade, o Subdirector Xeral de Persoal da Consellería comunica ás organizacións sindicais a retirada das devanditas Instrucións, e a apertura do prazo para facer as solicitudes, aplicando o establecido no V Convenio Colectivo Único para o persoal da Xunta de Galiza .

Na CIG valoramos positivamente o éxito das concentracións de onte, pola unidade e alta participación en todos os centros e provincias e, chamamos a seguir nas mobilizacións, para conquerir a recuperación de dereitos que se manteñen recortados dende o 2012, con moito máis ánimo, logo desta primeira vitoria.

Defendemos e reivindicamos publicamente a necesidade de que Galiza conte cuns servizos sociais públicos, de calidade e ben dotados de medios humanos e materiais, como o instrumento máis eficaz que vertebre e asegure a debida atención aos colectivos máis vulnerables da poboación e como elemento primordial na loita contra o COVID-19, rexeitando modelos mercantilistas baseados unicamente no beneficio empresarial que deixan ao marxe o benestar do individuo e a sociedade. Por iso, seguimos a ESIXIR

  • A defensa duns servizos sociais públicos, dignos e de calidade.

  • O incremento de prazas públicas e de xestión directa.

  • A posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria coa recuperación dos condicións laborais do convenio.

  • A recuperación dos dereitos laborais que se manteñen recortados como a compensación por festivos e domingos traballados o que aumentaría o cadro persoal e rebaixaría a excesiva carga coa redución da xornada máxima anual.

  • A transformación de tódolos contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa reducindo a precariedade.

En definitiva que a Consellería de Política Social proceda á recuperación dos dereitos económicos e laborais arrebatados desde a entrada en vigor da Lei 1/2012, de 29 de febreiro de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, mediante a apertura inmediata dunha mesa de negociación.