O xoves 28 de maio de 2020, fixéronse realidade os peores temores do persoal veterinario que realiza as campañas de saneamento gandeiro, e que viñan denunciando desde hai moito tempo. As condicións de seguridade e saúde na que o persoal veterinario, que realiza as campañas de saneamento gandeiro, que a consellaría do Medio Rural encomenda ano tras ano á empresa pública TRAGSA son absolutamente deficientes. Xornadas maratonianas, lotes semanais de número de reses a sanear imposíbeis de sacar adiante en condicións seguras, sen nin sequera dispoñer de mangas para a suxeición dos animais, e a obriga de ter que realizar o traballo unha persoa soa.

O saneamento gandeiro era realizado hai tempo por dúas persoas, pero os dirixentes políticos da Xunta de Galicia, en conivencia cos xestores da empresa pública TRAGSA e da súa filial TRAGSATEC, que tamén son nomeados polos dirixentes políticos da Administración, xa que é unha empresa pública, decidiron que ían aforrar custos a conta da seguridade das traballadoras e traballadores, ou incluso da súa vida como nesta ocasión, e obrigaron ao persoal a realizar en solitario as labores que antes facían en equipos de 2 persoas.

Estas condicións laborais, xunto coa presión que se exerce dende a empresa para que se execute unha carga de traballo allea ao razoábel, trae como consecuencia que unha persoa como este compañeiro que onte perdeu a vida, despois de levar un golpe na cabeza propinado polo animal que estaba saneando, no lugar de tomar consciencia da gravidade do golpe recibido, pecha primeiro os datos do lote que estaba realizando. Só despois lle foi posible atender ás súas lesións. Isto exemplifica claramente a presión á que están sometidas estas persoas veterinarias que realizan o saneamento gandeiro da Xunta de Galicia.

Estas son as consecuencias criminais de forzar unhas condicións laborais extremas nun ámbito laboral cunha exposición tan elevada aos riscos laborais.

Non sabemos cales son os motivos de explotar ás traballadoras e traballadores desde a Administración, sendo a Consellaría do Medio Rural e a Xunta de Galiza plenas coñecedoras das intolerables situacións de risco que padecen diariamente no desenvolvemento destes traballos e mirando para outro lado, pasando por riba das obrigas derivadas da necesaria coordinación de actividades que como administración tamén teñen que cumprir.

Unha administración, a Xunta de Galiza, que a través da consellaría do Medio Rural encomendou á empresa pública TRAGSATEC a realización dos programas de sanidade e produción animal para o ano 2020 por 7.225.038,39 € . Pero hoxe, por desgraza, si sabemos cales son as consecuencias.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200316/AnuncioG0426-060320-0003_gl.html (punto 4)

Dende a CIG estamos a recompilar toda a información para presentar denuncia ante a inspección de traballo porque este fatal accidente laboral ten responsábeis e deben responder polos seus actos e pola omisión das súas responsabilidades.