Despois do acontecido o mércores 27 na comisión de seguimento do Protocolo de incorporación ao traballo na Administración xeral da Xunta de Galiza, o señor director xeral de Función Pública ven de anunciar que pola súa incapacidade, obstinación e pasotismo na adopción de medidas para ampliar o teletraballo, vai inaugurar (para eso estamos en eleccións) unha GRAN GARDERIA (que non escola infantil) no hall da segunda planta da Consellería de Presidencia (si, case xusto diante do seu despacho).

Alí, como non, haberá unha gran recollida de fillos e fillas do persoal funcionario e laboral que vai ter que voltar ao seu posto de traballo, pese a que pode facer as súas funcións dende a casa, como o viñan facendo ata agora. Isto é porqué o señor Barreiro vai contratar un gran circo cheo de equilibristas, paiasos, contadores de contos, homes-bala, funambulistas, magos enganadores e todo aderezado como non podía ser doutro xeito dun grande concurso.

Así animamos  a todo o persoal que a finais de xuño cando remate a terceira fase, xusto ás 8.00 da mañá acudan a San Caetano que se encherá de nenas e nenos que farán un ambiente festivo e infantil en todas as instalacións e todo gracias ao señor Barreiro e tamén ao señor Feijoo (que pode pasarse por alí a repartir algunha papeleta).

Tamén non nos esquecemos dos nosos maiores que como non van poder quedar sós nas casas, van ter un centro de día diante do despacho da conselleira Fabiola.

Ou sexa que non falte ninguén!!!!!

E agora rematamos a brincadeira e poñémonos serios: a CIG apostou por darlle unha marxe de confianza a este home (Barreiro dixit) pero ese marxe rematou e agora só ten dúas saídas: ou recua e aposta polo teletraballo como fixo o Estado ou mesmo o ensino, ou teremos que rachar o Acordo e mobilizar ao persoal que terá que escoller entre fillos ou traballo e isto é inasumible que o faga unha administración pública.

Instaremos as acción xudiciais, de mobilización, de denuncia pública de queixa institucionais en todas as mesas, pero isto non pode quedar na situación que está. O persoal da Administración xeral non é persoal de segunda; as nosas nenas e maiores valen o mesmo que os do resto do persoal público.

Só avisamos unha vez, como algún maior teña un contaxio por ter que quedar cos cativos dalgún persoal público o señor Barreiro irá á fiscalía como promotor dun atentado contra a saúde pública.