As gotas co virus van ao chan”, todo controlado ...

A volta ao traballo nos edificios administrativos foi unha das grandes preocupacións da CIG, pero a tardanza xeral nas convocatorias dos comites de seguridade e saude laboral, a pesares da situación epidemiolóxica e o extraordinario desta realidade sen precedentes, fíxonos sospeitar que o proceso de reincorporación sería unha improvisación sen contar co que teñan que dicir as traballadoras e traballadores. Nesta ocasión superaron as nosas expectativas.

O 29 de maio reuniuse o Comité de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) do edificio administrativo de Lugo e a sensación de formar parte dun trámite incómodo para o presidente do comité foi esaxerada. As presas na exposición dos asuntos e o desinterese nos temas que preocupan aos traballadores marcou por completo a reunión.

- Ante a petición de avaliación de risco biolóxico por COVID-19, din que non é necesaria.

- Ante a falla de contedores con tapa, bolsa e pedal para depositar máscaras, luvas e outros residuos relacionados, din que hai baldes e servizo de limpeza (consideran inmunes o persoal que presta estes servizos).

- Ante as dúbidas sobre a climatización do edificio e a recirculación do aire que puidera estar contaminado, e por tanto a posibilidade de que o sistema sea dispersor do virus, afirman que “as gotas co virus van ao chan e así o virus non anda polo aire”. Sobran comentarios e estudios científicos que din todo o contrario… , de todos os xeitos comprometéronse a revisar a eficacia dos filtros.

- Ante a obriga de facilitar máscaras ao persoal, contestan que dado que son de uso obrigado en xeral e non só no traballo, que as paguemos dos nosos petos. Parece ser que nestes edificios non existen os corredores, aseos, zonas de fotocopiadoras, etc. e por suposto tampouco existe a Lei de prevención de riscos laborais (LPRL) e demais lexislación relacionada co asunto, da que lles facilitamos unha escolma dende a CIG.

- Ante a inminencia da volta ao traballo presencial, fíxose por parte do presidente unha valoración moi positiva do teletraballo e as súas virtudes, para despois recoñecer que na terceira fase todos os empregados e empregadas voltarán ao posto de traballo presencial (agás se o solicitamos por motivos xustificados). Recoñecéndose así, unha vez máis, que para as xefaturas o importante é a presenza e non tanto o traballo feito.

A CIG nunca vai admitir como válidos estes comportamentos prepotentes a vez que irresponsábeis. Estanse a tomar a cachondeo a prevención de riscos laborais, poñendo en risco sen necesidade aos seus propios traballadores e traballadoras, as súas familias e a mesma loita contra o virus.