Función Pública enviounos un novo buzón de postos coas vacantes do concurso de traslados de corpos xerais. Podes descargalo dende aquí. Aseguran que ese novo listado incorpora todas as vacantes que se produciron dende a publicación do listado inicial que acompañaba á convocatoria do concurso (DOG 27/11/2019). 

Non nos dan moito tempo: temos que ter mecanizadas as alegacións antes do xoves 4 ás 12h. Convidámosche a que se sabes de novas vacantes dende novembro/2019 (xubilacións, falecementos ou excedencias), contactes coa CIG.

Con isto, cal vai ser o novo cronograma? Pois sinceiramente, polo de agora non temos nin idea; e xa postos, tampouco é que nos fiemos moito do que nos conten, porque unha e outra vez incumpriron a súa palabra. A previsión era que por xaneiro, unha vez que xa rematara o prazo de presentación de solicitudes para participar no concurso, Función Pública sacaría un listado con todas as vacantes (publicadas no DOG da convocatoria do 27 de novembro) máis as prazas das persoas que solicitaron participar no concurso, e sobre ese listado final sería a solicitude de prazas. Pero pasou xaneiro, e febreiro, e marzo, e chegou o COVID19. Nunca chegaron a sacar ese listado sobre o que realizar as solicitudes, e do que estamos a falar agora é actualizar o listado inicial de vacantes, non o listado sobre o que realizar as solicitudes.

Como pasou tanto tempo dende a convocatoria, non nos queda outra que aceptar a actualización de vacantes. Foron demasiados meses durante os que se foron producindo vacantes. Esperemos que esto non sexa unha nova xustificación para un novo retraso de moitos máis meses.