O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar camiña á inversa e no canto de pular por uns servizos sociais públicos e de calidade, afonda no modelo de xestión privada que tantas mortes e sufrimentos provocou na crise sanitaria do COVID-19.

Recentemente vense de iniciar un procedemento de licitación, aínda sen resolver, do servizo asistencial de atención diurna dos centros de atención a persoas maiores de Cd Begonte. Cd Cospeito, Cd Lourenzá, Vc Alfoz (vivenda comunitaria), Cd A Pobra Do Caramiñal, Cd Vilagarcía, Cd Rois, Cd Curtis, Cd Miño, Cd Oleiros-Galeras, Cd Culleredo, Cd As Pontes, Cd San Sadurniño, Cd Ferrol – Caranza, Cd Ferrol – Esteiro, Cd Ares, Cd Vigo-Coia, Cd Vigo-Valadares, Cd Baiona, Cd Mondariz, Cd O Porriño e Cd Tomiño.


Durante a pandemia da COVID-19, as persoas dependentes foron as máis vulnerables ante a infección polo virus e, especialmente, as persoas usuarias de institucións residencias. Esta situación, que se traduciu nunha intolerable mortalidade afectou, sobre todo, aos centros privados e tivo moita menor incidencia nos centros públicos que, a pesar dos recortes en persoal só superados pola manifesta profesionalidade das empregadas e empregados públicos, foron moito máis eficientes na protección das persoas usuarias.

Os centros de atención diúrna, ao estaren pechados, non participaron desta situación de desatención das persoas. Porén, ante a inminente apertura destes centros de día e para a protección da saúde e a vida das persoas dependentes, na CIG consideramos obrigada e imprescindible a reversión da xestión á titularidade pública e así o vimos de solicitar nuns escritos dirixidos á Xerencia do Consorcio, á Secretaría Xeral Técnica e á conselleira de Política Social.

POR UNS SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS E DE CALIDADE!