As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT realizan esta convocatoria ante a paralización das negociacións dun novo acordo que regule as condicións de traballo do persoal técnico de incendios da consellería do Medio Rural. A mesa de negociación leva aberta desde o pasado 9 de agosto de 2019, sen que ata hoxe a Administración fose quen de presentar ningunha proposta despois de reiteradas peticións de continuidade das reunións por parte das organizacións sindicais (13/02/2020 e 09/06/2020) e tendo en conta que o periodo extraordinario comezará o vindeiro 1 de xullo.

Este persoal conta cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 que se demostra desfasado polos cambios na consellería, distribución de persoal e condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais; e que foi denunciado polas catro organizacións sindicais o 30 de agosto de 2019. Así, o acordo de 2008 contradí varios preceptos da normativa laboral, polo que reclamamos un NOVO ACORDO que dea como mínimo solución aos seguintes conflitos:

  • Aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.
  • Redución do horario anual que supera as 2000 horas.
  • Regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.
  • Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.
  • Eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito e establecer un/ha segundo xefe/a de garda por distrito forestal. Diminuír a interinidade, que é do 50%, engadindo todas as vacantes na seguinte oferta de emprego público.

CONCENTRACIÓN LUNS 22 DE XUÑO ÁS 11H
DIANTE DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
DO PERSOAL TÉCNICO DO SERVIZO DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS DA XUNTA
PARA RECLAMAR UN NOVO ACORDO