O traballo desenvolvido en comisión de servizo puntuará como tempo traballado no posto de orixe.

A Dirección Xeral de Función Pública publicou no DOG do venres 26 de xuño (o mesmo día que comeza a campaña electoral), a Resolución pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e de xustificación dos méritos e requisitos, para a provisión de postos de traballo vacantes no concurso de traslados de corpos xerais. Ese listado debe conter as prazas vacantes e as posíbeis vacantes de resultas (as das persoas que solicitaron participar no concurso).

A solicitude de postos realizarase electrónicamente dende o Portax. Os prazos son os seguintes:

  • Presentación das solicitudes de elección de postos: 15 días hábiles, desde o 29.6.2020 ata o 17.7.2020.
  • Xustificación de méritos (conformidade cos datos ou xerar impreso de emenda): 15 días hábiles, desde o 29.6.2020 ata o 17.7.2020.
  • Xustificación de méritos (desconformidade cos datos. Expedición do certificado): 45 días hábiles, desde o 29.6.2020 ata o 28.8.2020.
  • Xustificación de méritos (desconformidade cos datos. Presentación do certificado): 50 días hábiles, desde o 29.6.2020 ata o 4.9.2020.

Ese trámite estaba previsto que fora por xaneiro do 2020, segundo manifestara o propio director xeral de Función Pública nas últimas xuntanzas e mesas de negociación do ano 2019. Se cadra o COVID19 chegou antes do previsto a Función Pública.

No mesmo DOG do 26 de xuño, a DXFP publica unha segunda Resolución que modifica a convocatoria do concurso (DOG do 27/11/2019):

  • Especifican que caso de pertencer a máis dun corpo ou escala só poderá presentarse unha única solicitude.
  • O traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe. Con esto péchase a principal discrepancia que sindicatos e Administración tivemos durante a negociación das bases e que finalmente prometeran corrixir. A este respecto, a CIG ten claro que as comisións de servizo son adxudicadas discrecionalmente, polo que non podemos aceptar a súa valoración mentres non se apliquen criterios obxectivos.

Estará resolto durante o 2021?

(Non nos esquecemos do concurso de escalas e de administración especial, así como do de persoal laboral que se negan a convocar)