Posicionamento da CIG ante a reincorporación presencial nas escolas infantís e centros de día do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Desde a CIG denunciamos:

  1. Que as indicacións recibidas para a reincorporación do persoal nas escolas infantís e centros de día atenden unicamente a criterios autoritarios para cumprir horarios presenciais nos centros de 6 horas diarias deixando 1 hora e media para teletraballar, sen ningún outro tipo de información, máis cando as escolas aínda están pechadas. O Consorcio ignora o protocolo ao que deben acollerse as traballadoras e traballadores, deixando ao libre criterio de cada dirección como actuar nos centros de traballo.
    Así non ten en conta a instrucción de Función Pública do venres 26, no que se amplía nun mes máis o teletraballo co fin de pospoñer a presencia nos centros polo risco para a saúde e seguridade do persoal.
    Ademais volve a obviar a convocatoria previa do Comité de Seguridade e Saúde Laboral e a presentación de informe previo de toma de medidas de prevención segundo a avaliación de riscos laborais, tal e como se comprometeron: NON TEMOS GARANTÍAS DA SEGURIDADE NESTES CENTROS.
  2. O persoal vulnerable leva semanas agardando unha resposta de Cualtis, e aínda así o Consorcio indica que “Con respecto ao persoal pendente de avaliación polo servizo de prevención, terá que incorporarse ao centro mentres non se lle comunique o contrario”. Entre outras vulnerabilidades, isto inclúe ás traballadoras embarazadas, o que é unha temeridade e contradí o Acordo de Secretarios da Xunta na que o persoal quedaría cautelarmente na casa ata a resolución. Tampouco entendemos esta reincorporación forzada cando non existe necesidade nin carga de traballo poñendo en risco ao persoal.
  3. Na conciliación, o Consorcio volve a actuar por libre, indicando que os permisos serán só no caso de menores de 3 anos matriculados en escolas infantís ou de maiores usuarios de centros de día, cando esta modalidade de traballo non presencial esténdese segundo a normativa de función as traballadoras e traballadores que teñen fillos e fillas ata 16 anos. Debemos recordar a situación social xeral que provoca o COVID que limita as actividades, campamentos e acceso a familiares para a atención dos/as menores.

Así o venres 26 solicitamos a RECTIFICACIÓN E ACLARACIÓN URXENTE á Xerencia do Consorcio, Secretaría Xeral de Política Social e a Función Pública co fin de que se responsabilicen e deixen de EXPOR ao persoal ao RISCO DE CONTAXIO polo COVID.