O 30 de xuño de 2020 e a un día do comezo da campaña de alto risco de incendios, tivo lugar a constatación da paralización das negociacións do novo acordo do persoal técnico de incendios. Na xuntanza mantida pola consellería do Medio Rural coas organizacións sindicais, despois de máis de dez meses agardando por unha proposta dun novo acordo; os representantes da consellería, tan só foron quen de presentar unha modificación dun parágrafo do acordo do ano 2008 que tan só afecta a unha parte do persoal técnico e que non resolve nin unha mínima parte das reivindicacións.

A posición adoptada pola consellería do Medio Rural supón un desprezo polo traballo desenvolvido polo persoal técnico de incendios forestais e o nulo interese por iniciar unha negociación real das novas condicións de traballo, o que levou ás catro oganizacións sindicais presentes a NON aceptar o parche proposto (ver comunicado conxunto) e non voltar a xuntarse ata non ter unha proposta escrita riba da mesa. Esta postura está ratificada de forma maioritaria polo persoal técnico de incendios forestais que amosaron a súa postura por distintas vías.

Ante esta situación, non queda outro camiño que continuar coas mobilizacións e accións de presión, para o que se convoca a todo o persoal técnico de incendios forestais á 3ª teleasemblea que se celebrará o vindeiro luns 6 de xullo ás 21h (ver cartel), onde se decidirán as medidas que se tomarán nas vindeiras semanas.