Oitavo xoves consecutivo de mobilizacións nos centros de atención directa

Un xoves máis, e xa van oito, traballadoras e traballadores dos centros de atención directa da Consellaría de Política Social mobilizáronse para esixir a recuperación dos dereitos recortados en 2012, a dignificación do seu labor e na defensa duns servizos sociais de cualidade. Dende as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, ademais, fíxose un acto de protesta na entrada do edificio administrativo de San Caetano para esixir a dimisión da conselleira Fabiola García, pola súa pésima política de xestión do persoal.

A representación social denuncia que, malia o éxito de seguimento nas protestas, a conselleira segue negándose a abrir unha mesa de negociación para abordar tanto a mellora das condicións laborais como do servizo, ou o incremento das prazas públicas de atención directa. Demandamos o cese de Fabiola García pola nefasta xestión na política de persoal do seu departamento ao que hai que sumar a falta de respecto á negociación colectiva, o desprezo a dignidade laboral, o nulo recoñecemento profesional, e o abandono dos servizos sociais públicos.

A suspensión no ano 2012 do artigo 19 do V Convenio Único, sen modificar o número de centros ou prazas, permitiu un "aforro" en persoal na Consellaría de Política Social, a conta de sobrecargar de traballo as compañeiras e compañeiros e, mermar a cualidade asistencial. Deixar sen efecto o artigo 19 posibilitou a Consellaría organizar uns calendarios e impor unhas xornadas de traballo esgotadoras, sen respectar os descansos entre xornadas, obrigando o persoal a traballar varios fins de semana seguidos e sen compensarlles nin os domingos nin os festivos traballados; aforrando ademais as contratacións para descansos do persoal, vacacións, etc.

Esta situación impacta de cheo na saúde das traballadoras e dos traballadores, que teñen que afrontar unha carga de traballo insostíbel, que se viu agravada co inicio da emerxencia sanitaria a conta da que se mantén unha situación de excepcionalidade na xestión do persoal.

Recorte orzamentario en persoal

Salientamos que os programas orzamentarios de persoal no 2010 eran o 311A e o 312D, e neles o número total de postos de persoal funcionario era 343 e 2369 de laborais. Pero nos mesmos programas orzamentarios do ano 2020, o número total de postos de funcionarios é 253 e os de laborais de 2229. Isto supón un recorte de 90 postos de funcionarios é de 140 postos laborais nas prazas estruturais destes centros.

Xunto a este recorte, de 2010 a 2020 houbo unha redución de 3 millóns de euros para a contratación de persoal temporal e que, da cantidade consignada nos Orzamentos para esta finalidade, non sabemos canto foi destinado á contratacións, pois que haxa dotación orzamentaria non implica que esta sexa gastada. 

Estes datos só se refiren aos centros de xestión directa da Consellería, sen contar as axencias nin o Consorcio.