Na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos (MX) e na Comisión de Persoal do xoves 29 de xullo tratáronse os seguintes asuntos:

PROCESOS SELECTIVOS E OEP-2020

As probas dos procesos que xa tiveron algún exame, serán en outubro.

As probas do proceso selectivo de funcionarización do persoal laboral fixo serán na primeira semana de outubro.

En setembro/outubro comezarán as negociacións das convocatorias pendentes, incluídos legoeiros/estradas.

Os primeiros exames da oferta social e corpos xerais (libre, estabilización, consolidación e promoción interna) comezarán a partires da segunda quincena de outubro ou primeira de novembro.

Oferta de Emprego Público-2020: Di o DXFP que está practicamente pechada, e que despois de varán será a negociación cos sindicatos. Irán prazas de funcionarización.

ELECCIÓNS DE DESTINO

A elección de destino de arqueólogos, finanzas A1 (P.I.), veterinarios e C1-xeral (P.I.) será na segunda quincena de setembro (veremos). 

A este efecto, enviáronos un borrador de protocolo de elección de destino telemático (se queres dicir algo, contacta coa CIG)

A CIG insiste en propoñer que o destino para promoción interna, cando sexa provisional, sexa voluntario. O DXFP comprometeuse nos días pasados en dar resposta nesta MX a esta petición da CIG. Pero volve adiar a resposta: di que están a estudar a proposta que lle facemos, pero que non terán resposta ata a primeira quincena de setembro, cando teñamos unha xuntanza para falar dos destinos, que serán na segunda quincena. Deixa para esa xuntanza tamén a solución do conflito de dereitos de quen teña que escoller destino e ao tempo participase no concurso de traslados.

En canto ao número de persoas que están obrigadas a escoller destino en C1 (P.I.), di que serán 50 ou 52 (ofrecéndolles tan só 62 postos).

TELETRABALLO

O DXFP volve co que xa dixo o luns: na primeira quincena de setembro teremos negociación da modificación normativa do teletraballo, para o que están a preparar as modificacións que consideran. O luns comprometérase a enviar “pronto” un borrador.

MÁSCARAS

Insistimos en que as faciliten ao persoal, pois ainda que sexan obrigatorias para todas as persoas, nas zonas comúns (corredores, ..) é imposíbel manter a distancia de 1,5 m, e neses casos é o empresario quen está obrigado a tomas as medidas de protección. 

Se as máscaras son obrigatorias para todo o mundo, e por esa razón néganse a facilitarllas a todo o seu persoal, preguntamos polas razóns de que en certos ámbitos estean a facilitar máscaras ao público. Non temos resposta.

RPT DE ATRIGA

A Administración non modifica a proposta, que queda aprobada co voto en contra de CCOO e UGT, e abstención de CIG e CSIF.

RPT DE FACENDA

Non remitiron a documentación que demandamos. Na organización dos postos un parte deles dependen directamente das subdireccións, e non dos servizos. Non cambian nada nas áreas funcionais. Das 12 creacións de postos, 8 son de postos de estrutura, e só 4 son de postos de fora da estrutura (de “curritos”); e para crear eses 4 postos, amortizan 6. Quedou aprobada co voto en contra dos catro sindicatos.

RPT DE MEDIO RURAL

A proposta consiste en que amortizan os 21 postos de persoal laboral veterinario ocupado por persoal indefinido que aprobaron a oposición de veterinario/a funcionario/a, e crean eses mesmos postos como persoal veterinario funcionario para ofertar na elección de destino da escala. A CIG está conforme coa proposta, pero non nos gusta que para financiar eses 21 postos, amorticen outros 5 (ainda que vacantes e sen ocupación). 

CIG e CCOO abstémonos. UGT e CSIF votan en contra (porque queren que os 21 postos queden reservados para o proceso de consolidación do persoal laboral indefinido).

O DXFP explica a UGT e CSIF que en canto un posto afectado polo proceso de consolidación/estabilización queda libre porque deixa de estar ocupado pola persoa que estaba nel, a praza desaparece da consolidación/estabilización e hai que amortizala. Por tanto, a proposta que defenden implicaría a amortización dos postos en canto os/as 21 veterinarios laborais indefinidos tomen posesión do seu novo posto de funcionario/a.

CONSORCIO

Segundo o DXFP, a integración do persoal do consorcio está avanzada. Retomarana en setembro. Vai vinculado á RPT (que estaría practicamente avanzada) e á oferta de emprego da totalidade das prazas do consorcio. 

ACORDOS ASINADOS NO ÁMBITO DA AXI

Asegura a consellería que xa tiveron conversas con Educación sobre a formación pactada. Enviáronlles unha relación das funcións, e Educación respostou que coas titulacións que existen non hai módulos que se axusten específicamente ás funcións dos vixiantes de estradas, polo que habería que deseñar uns modulos específicos con esas funcións. Volverán a retomar as xuntanzas con Educación.

Á volta das vacacións traballarán nun borrador paraa incorporar na OEP as prazas do acordo de legoeiros e gardería fluvial.

POSTOS DE ARQUIVEIROS/AS

O DXFP di que a dotación destes postos ten que ser mediante unha solución global. O problema é que a solución leva adiada dende o ano 2014.

PROTOCOLO COVID EN CENTROS DE ENSINO

Insistimos en que o protocolo COVID para o curso 2020/2021 en centros de ensino, altera as condicións de traballo de parte do persoal non docente (limpadores/as, coidadores/as, cociña), sen negociación nin información á lexítima representación do persoal afectado, pois o que fixo Educación foi levalo a unha Mesa Sectorial de Docentes (onde están os profes, que non son representantes sindicais do persoal afectado), e tamén levalo ao Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral de centros de ensino, comité que non ten capacidade para alterar as condicións de traballo.

Educación quere confundir ao DXFP coa xustificación de que con levalo á Mesa Sectorial Docente e ao CSSL de centros de ensino, xa está ben feito. Pois non. Ou se sentan con nós, ou na seguinte Mesa Sectorial Docente teremos que presentarnos nosoutros, e que nos levanten.