Pasou a época de vacacións e a maior parte do persoal xa está reincorporado ao seu posto nos centros de traballo. Función pública comprometérase a regular o teletraballo adaptando a situación sanitaria. Desde entón non tivemos ningunha nova, nin borradores nin reunións da comisión de seguimento.

A evolución da pandemia do Covid-19 na Galiza nos últimos días aconsella implantar medidas urxentes en relación coa presencialidade do persoal nos centros de traballo.

Ademais, ante o próximo comezo do curso escolar da ensinanza obrigatoria, e posto que as actuacións previstas ante a aparición de positivos nas aulas poden provocar o confinamento preventivo ou corentena dos cativos/as (non positivos) e das súas familias, é necesario desenvolver un permiso específico para poder proceder ao coidado dos menores ou para realizar o confinamento familiar coas garantías necesarias. Tamén é necesario un permiso similar no caso do peche de centros de día.

Desde a CIG solicitamos a convocatoria urxente da Comisión de Seguimento do Protocolo para a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención Covid-19.