A consellaría está a aplicar descontos ilegais nas nóminas do persoal técnico do SPIF

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT vimos de presentar denuncia na dirección territorial da Inspección de Traballo para que interveña ante os abusos, coaccións e a vulneración do dereito fundamental á folga por parte da consellaría de Medio Rural co persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF).

A folga rexistra un gran seguimento social e de apoio do persoal aínda que está a ser reprimida e boicoteada brutalmente polos responsábeis da consellaría. Criticamos que a administración non dubidara en impor uns servizos mínimos abusivos, con cambios de carteleiras posteriores para amplialos, afectando así a máis do 90% do cadro persoal. Agora métense directamente co persoal que manifesta apoio a folga a pesar de non poder facela por estar en servizos mínimos.

No escrito á Inspección recóllese que ao persoal que non declarou expresamente non apoiar a folga (que foi case todo) se lle descontaron cantidades importantes da súa nómina incluso se lles convida a abandonar o apoio e xustificar traballos para recuperar parte do salario subtraído ilegalmente. Unha práctica de “esquirolismo patronal” que xa foi denunciada e contestada ante os medios polas centrais sindicais convocantes da folga, pero como lonxe de recuar, a consellaría vai a máis nos seus actos represivos, hoxe buscamos o amparo da autoridade laboral.

Grave agresión aos dereitos fundamentais

A denuncia á Inspección reflicte tamén as reiteradas coaccións e a intimidación exercida dende a consellaría contra os traballadores e as traballadoras en folga, entre as que hai chamadas de ameaza, cambios de carteleiras, contratación de empresa externa para realizar as súas funcións ou a aplicación de descontos na nómina “por incendios” ao persoal en servizos mínimos (aínda que estas emerxencias esenciais sempre foron atendidas con dilixencia e profesionalidade).

Esta situación esperpéntica constitúe unha grave agresión ao dereito fundamental á folga polo que denunciamos e solicitamos que a autoridade laboral pare o acoso ao persoal, restitúa o dereito á folga e repare o dano económico e moral producido.

Precisamente, hoxe mesmo o persoal recibiu un novo correo no que a consellaría lle insta a declarar previamente a súa participación na folga aínda en servizos mínimos de gardas de atención a incendios forestais en carteleira de traballo. Unha nova coacción para a represión do dereito á folga.

Continúa o calendario de mobilizacións

As organizacións convocantes e o comité de folga, á espera dunha xuntanza de negociación efectiva para o acordo de condicións laborais que permita pór remate co conflito, seguimos co calendario de mobilizacións previstas. A próxima protesta será o 9 de setembro, ás 11 da maña, diante da consellaría de Medio Rural.